O CPEIG fai unha proclama pola alfabetización dixital inclusiva na Noite da Enxeñaría e Informática

venres, 29 de outubro do 2021 S. P.

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou este 29 de outubro a 13 edición da súa Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. Fixoo cunha cea de gala no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago de Compostela e coa entrega dos premios anuais da profesión (dez) que concede a entidade profesional. Asistiron máis de 250 convidados, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración pública, do ámbito universitario e profesionais do eido tecnolóxico.
Esta décimo terceira edición, conducida pola presentadora de televisión Paula Vázquez, foi inaugurada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, así como clausurada polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. Ademais, contouse coa asistencia doutras autoridades como o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos; e a concelleira de Economía do Concello de Santiago, Marta Abal; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exercerán como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.
Fernando Suárez comezou a súa intervención recalcando como a pandemia e os confinamentos puxeron en evidencia que “desde hai décadas vivimos nunha sociedade tecnolóxica”, proceso de dixitalización que se acelerou en 2020, “o ano en que todo cambiou”, principalmente no terreo da educación.
“A pandemia non é máis que unha peza dentro dunha cadea de transformación que ten un abanico temporal moito máis amplo. Agora, o obxecto debe ser aproveitar a medio prazo as vantaxes dunha economía intelixente, e, para iso, o dixital debe ser un tema transversal, que estea presente en todas as estratexias de desenvolvemento. As accións a emprender deben ser inclusivas para non deixar a ningún colectivo á marxe, e deben ter en conta os principios de sustentabilidade ambiental. É igualmente preciso promover a alfabetización dixital entre traballadores, cuxos contornas van ser cada vez máis tecnolóxicas, e entre a cidadanía, para que poida beneficiarse ao máximo dos servizos que ofrece a sociedade dixital”, explicou.
O presidente do CPEIG fixo saber que a economía pospandemia ten que ser “intensiva en coñecemento” e conta xa cun sector da Enxeñaría en Informática referencia na colaboración aberta, na achega de recursos, información e ideas. Neste novo marco da economía do coñecemento, o presidente dos informáticos galegos compartiu a súa preocupación polo deseño do novo horario escolar para Primaria no que non figura a informática. “Incluír esta materia permitiría introducir á nosa mocidade no pensamento computacional, proceso que inclúe habilidades propias da computación e o pensamento crítico para a resolución de problemas, o deseño de sistemas e o entendemento do comportamento humano. Estas habilidades son fundamentais para facer fronte ás grandes problemáticas do século XXI como a pobreza, a biodiversidade, a saúde ou o quecemento global”, dixo.
Suárez asegurou que a sociedade española ten o gran reto de afrontar a demanda de traballadores do sector TIC para non perder o tren da innovación e da competitividade. “Nos próximos dez anos crearanse 650.000 novos postos, e o 50 % dos empregados necesitarán novas capacidades por mor do avance tecnolóxico”. Neste punto, o presidente dixo que a Administración pública debe ser “o espello no que se reflicte tanto sociedade como sector empresarial”. E engadiu: “Galicia é unha referencia na aposta pública pola innovación, con exemplos como o polo de tecnoloxías cuánticas que hoxe premiamos. Desde o CPEIG reclamamos que o sexa tamén na aposta polo talento dos nosos titulados, igualando o acceso á función pública co resto de enxeñarías a través da creación dun corpo Superior de Informática”.
Co fin de evitar “consecuencias negativas da transformación dixital”, Suárez manifestou que “é preciso un acordo colectivo para asegurar a sustentabilidade da dixitalización a base de mellorar a inclusividade, a transparencia e a capacidade de elección, a rendición de contas, a responsabilidade e a equidade, e a non discriminación”. Indicou que desde o CPEIG os seus integrantes son conscientes da demanda crecente dun compromiso ético no avance tecnolóxico e da necesidade dun marco común, polo que o pasado ano o Consejo de Colegios de Ingeniería Informática creou o selo de empresa éTICa ao que o colexio profesional galego se adheriu. “Temos nas nosas mans a posibilidade de modelar o futuro que queremos, unha sociedade dixital humanista baseada nunha ética e uns valores, que sitúe ao ser humano no centro de todas as cousas. Tal e como representamos na figura deseñada polo colexio para os premios que hoxe concedemos, o futuro está na nosa man” .

A gala

A gala contou coa actuación do humorista Dani Delacámara que divertiu aos asistentes cun monólogo sobre a situación vivida coa pandemia da COVID-19. Tamén actuou o grupo musical de versións acústicas Versionettes, e sa convidadas e convidados puideron pasar un bo momento retratándose nunha máquina de hologramas a tamaño real de última tecnoloxía. A cea de OCA Hotels imitou en parte o formato das ceas clandestinas do propio establecemento hoteleiro. O menú e preparación correu a cargo do director de Alimentos e Bebidas, Pablo Vila, o xefe de cociña do Hotel OCA Puerta del Camino, Miguel Sande, coa colaboración do xefe de cociña do Hotel OCA Vila de Allariz, Gerson Iglesias. A maridaxe fíxose baixo a tutela do enólogo xefe de Ferrer Wines, Javier Aladro. Tamén o barista xefe de Cafés Candelas, José Manuel Portela, foi o autor dun combinado de café frío.

Premios da XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

– Premio e-Inclusión. Este recoñecemento outórgase a a Samsung Electronics Iberia, S.A.U. polo seu proxecto Tallk destinado a facilitar a comunicación das persoas enfermas de ELA.
– Premio Iniciativa da Administración. Esta distinción foi para o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) polo seu proxecto Quantum Computing destinado a colocar a Galicia como un referente internacional en tecnoloxías cuánticas en 2030, accedendo a un mercado internacional de alto valor estratéxico e económico.
– Premio Iniciativa Empresarial. A Red Mundo Atlántico pola súa achega á innovación social e á internacionalización das pequenas e medianas empresas do Eixo Atlántico a través da súa rede de networking e de impulso ao financiamento europeo dos proxectos.
– Premio Iniciativa Emprendedora. A empresa galega Councilbox, con sede central en Nigrán, foi distinguida pola súa tecnoloxía de reunións remotas con voto electrónico e validez legal.
– Premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en Informática. A enxeñeira en informática Ana Freire (Rábade, 1983), experta en intelixencia artificial e recuperación de información, foi premiada con este recoñecemento. É unha firme impulsora do uso da tecnoloxía para o ben social, así como da contribución das mulleres neste ámbito para lograr unha tecnoloxía plenamente útil e ao servizo das persoas.
– Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino. O recoñecemento é para o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña polo seu proxecto ‘Talentos Inclusivos’ destinado a fomentar as vocacións TIC entre a mocidade, á vez que da visibilidade ás persoas con diversidade funcional e contribúe a facilitar o seu día a día mediante solucións tecnolóxicas innovadoras.
– Premio Traxectoria Profesional. O galardón é para enxeñeiro en informática Carlos Eloy López Blanco (A Coruña, 1970) pola súa destacada contribución á transformación dixital das organizacións e á ciberseguridade.
– Premio Especial A Noite. Este recoñecemento outórgase a Balidea, Emetel, Inycom e Minsait polo seu permanente apoio á entidade colexial e á gala de referencia do sector TIC en Galicia.
– Premio Especial a Código Cero no seu 20 aniversario. O diario dixital Código Cero é recoñecido por cumprir vinte anos achegando a información tecnolóxica en galego.
– Premio Traballo Fin de Mestrado. O premio foi para Elisa Fernández Álvarez (A Fonsagrada, 1996), polo desenvolvemento dunha ferramenta que permite a xestión e explotación dos datos de carga viral obtidos a partir da análise de augas residuais e que son empregados para realizar predicións de casos da COVID-19 para o seu Traballo Fin de Mestrado na Universidade da Coruña.
– Colexiado de Honra. Este premio recaeu no arquitecto de computadores Mateo Valero Cortés (Alfamén, Zaragoza, 1952), director do Barcelona Supercomputing Center-Centro Nacional de Supercomputación, impulsor da supercomputación en España e Europa, e un dos investigadores mundialmente máis premiados no seu eido de actividade.

Fotografía de familia dos premiados na Noite

PUBLICIDADE