O CPEIG distingue os esforzos a prol da inclusión tecnolóxica da asociación galega TADEGa
luns, 5 de maio do 2014
- Juan José Fernández García, presidente de TADEGa
O
Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)
fixo público o nome da entidade que vai recoñecer este ano a través
do seu Premio e-Inclusión, un galardón que como o seu propio nome
indica diríxese a distinguir os esforzos dos nosos profesionais para
botar abaixo calquera atranco que se poida interpoñer entre o
coñecemento e a cidadanía (atrancos que afectan hoxe en día a todo
tipo de colectivos, por mor da súa formación, da súa idade, do seu
xénero ou das súas características funcionais ou cognitivas). O
premio en cuestión irá dar este ano a mans dunha das asociacións
que máis ten loitado por tirar abaixo muros exclusivos na educación:
TADEGa (Tecnoloxías de Atención á Diversidade
na Educación Galega).
Segundo
nos lembra o CPEIG, a asociación TADEGa, unha iniciativa galega sen
arela de lucro, está composta sobre todo por profesionais da
educación galega que se centran na atención á diversidade:
diversidade funcional e cognitiva,
terceira idade, multiculturalidade, o rural, altas capacidades,
marxinalidade social, etc. Con este galardón, que se entregará
oficialmente durante o desenvolvemento da sexa Noite da Enxeñaría
en Informática de Galicia (o vindeiro 13 de xuño), a xunta de
goberno do CPEIG quere salientar perante
a sociedade galega e española o importante traballo realizado por
TADEGa para “eliminar a fenda dixital e contribuír ao
desenvolvemento das persoas con diversidade funcional”. Ao fío de
explicar as motivación que levaron ao recoñecemento, o colexio
engade que comparte coa asociación premiada o seu ideario,
“no sentido de que considera a accesibilidade das TIC vital e base
para que os sectores máis febles da sociedade poidan acceder a todos
os contidos, servizos e oportunidades coma o resto da cidadanía”.
Asemade, o CPEIG valora
que a asociación “promova a inserción e o aproveitamento das TIC
no ensino galego e alí onde se prestan servizos de atención á
diversidade, ademais da investigación, fomento e deseño das
ferramentas e os métodos para obter o mellor proveito da tecnoloxía
dixital e a súa inmersión nas aulas”.
- Imaxe dun obradoiro organizado por TADEGa hai un par de meses
Como lembraremos, TADEGa leva anos aplicando o seu compromiso socio-tecnolóxico-educativo en múltiples áreas e a través dunha manchea de actividades. Segundo nos contaban fontes da asociación en 2010, con motivo dunha mobilización de seu para acadarmos na nosa terra computadores accesíbeis para todos os nenos, a maior parte do que se desenvolve nos eidos de hardware, software e servizos en liña só ten en conta á maioría, deixando de lado a un amplo colectivo de persoas con diversidade funcional que teñen os mesmos dereitos fundamentais de acceso ao coñecemento cós demais. Para TADEGa, é unha realidade que as TIC (novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación) veñen sendo unha nova ferramenta á vez que medios de comunicación múltiples e, no lugar de axudar á integración de todas e todos, aínda incrementan a segregación de quen non pode acceder a elas por causa dos “deficientes e discriminatorios deseños”. O obxectivo da asociación é duplo: por unha banda rachar esta fenda dixital e pola outra investigar, deseñar e propor as ferramentas, as maneiras e os métodos para obter o mellor proveito destas tecnoloxías dixitais nos eidos educativos. A entidade expón regularmente todos estes obxectivos polo miúdo, e tamén os froitos do seu traballo, nas diferentes convocatorias do Congreso TADEGa, a máis recente das cales celebrouse en novembro baixo o lema Inclusión e cultura dixital e ombro con ombro con Campus Culturae e a colaboración da USC.