O CESGA debulla ante as nosas PEME as múltiples oportunidades que brinda a computación de alto rendemento
luns, 24 de outubro do 2016
A sede GAIN en Santiago (Centro de Novas Tecnoloxías de
Galicia) acolleu hoxe unha xornada dirixida a expoñer as oportunidades
para as PEME que ofrece a integración nelas da computación
avanzada. Falamos
do InfoDay
Fortissimo 2, evento que xuntou preto de medio cento de
empresarios, enxeñeiros e persoal técnico de pequenas e medianas
empresas e mid-caps con actividade en innovación. A xornada
veu da man de CIS Galicia e o CESGA (Centro de Supercomputación de
Galicia), en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Do que se tratou, basicamente, foi de ampliar e afianzar as pontes
tendidas dende hai tempo entre o CESGA e o tecido produtivo e
industrial galego.
Dito
doutro xeito: o leit motiv da xuntanza foi lembrar ás PEME
que o centro galego é un referente estatal e europeo en materia de
recursos computacionais para impulsar as súas actividades, ao tempo
que se fixo un recordo por casos de éxito previos de Fortissimo
e debulláronse as liñas estratéxicas, os obxectivos e os detalles
diversos deste programa.
Como
recordaremos, Fortissimo (que vai pola súa segunda edición) é un
programa europeo de experimentos sobre aplicacións baseadas en
computación de altas prestacións na nube (HPC) para pequenas e
medianas empresas. O orzamento desta segunda convocatoria de
Fortissimo é de 1,3 millóns de euros. O seu obxectivo: impulsar a
innovación nas contornas cloud e de información masiva
(Big Data) nas pequenas e medianas empresas manufactureiras
e do eido da enxeñaría.
Segundo
informou previamente o CESGA, “esta convocatoria busca financiar
experimentos para estender e demostrar o potencial de negocio dun
ecosistema de servizos HPC (computación de alto rendemento) na nube,
máis polo miúdo para aplicacións que inclúan simulacións
acopladas de procesos físicos ou análise de datos de altas
prestacións”. Ao fío disto e máis alá de todo o devandito, a
xornada de hoxe dirixiuse a procurar novas experiencias que
complementen e estendan as actividades actuais do proxecto,
experimentos que estean enfocados a resolver necesidades de negocio
de PEME ou mid-caps do sector da enxeñaría ou da
manufactura.
O
encontro foi inaugurado por Sonia Pazos, directora de Centros da
Axencia Galega de Innovación (GAIN), quen lembrou as múltiples
vantaxes da computación para as empresas, “sobre todo para as PEME
industriais, que manexan grandes cantidades de información, moi
complexa e procedentes dunha chea de fontes”, por exemplo os
propios procesos de seu, as redes sociais, o mercado, os clientes,
etc. Segundo fixo saber, manexar todo este coñecemento é de vital
importancia para as empresas, non só porque lles permitirá ser máis
rendibles e eficientes senón tamén porque lles achegará a
posibilidade de reducir custes. Pazos tamén salientou o papel do
CESGA como referente. “O Centro de Supercomputación de Galicia”,
dixo, “xa ten ás súas costas unha importante experiencia neste
ámbito de traballo coas PEME”. O que buscamos, engadiu, é que “as
pequenas e medianas empresas tiren partido dos recursos de alta
computación do CESGA”. Segundo explicou, alén das importantes
infraestruturas e servizos do centro, o que se precisa tamén é “o
feedback das nosas firmas”.
A
apertura da xuntanza tamén contou coa presenza de Javier García
Tobío, director xerente do CESGA, quen fixo fincapé nesta vontade
do centro de estar a dispor do tecido produtivo, “contribuíndo ao
pulo da economía”. Para poñer aos asistentes en situación,
achegou unha breve introdución á Industria 4.0 (a etiqueta máis
ampla na que se insire a computación de alto rendemento, eixe
temático de Fortissimo) e tamén ás propias orixes de Fortissimo,
que abrolla directamente dunha arela concreta da Unión Europea: a de
converter as tecnoloxías HPC (High Performance Computing, ou
sexa Computación de Alto Rendemento) en “cousas” de uso común
para as nosas PEME. Este achegamento á HPC, dixo, é un dos grandes
obxectivos actuais da UE en materia TIC.
García
Tobío tamén lembrou o potencial do CESGA para servir de canle e de
escenario para este achegamento. “De feito”, sinalou, “na
actualidade xa hai 530 PEME empregando os recursos e infraestruturas
do CESGA”.
Financiamento
Fortissimo 2
En
relación a este programa europeo, o financiamento máximo por
iniciativa empresarial ascende a 175.000 euros (para todos os
participantes). Segundo informou os días previos o CESGA, a
solicitude “resulta sinxela” xa que as propostas non poden
superar as 10 páxinas. As empresas que desexen solicitar
financiamento contarán co soporte do Centro de Supercomputación
para preparar a súa proposta (o centro, de feito, xa axudou a 23
empresas financiadas baixo este programa). A convocatoria pecha o 7
de decembro. Pódese
facer a inscrición a través da páxina web do CESGA, no apartado
adicado a Fortissimo II.
