O Asus Zenfone 4 Max terá batería de 5.000 mAh de dobre cámara traseira

martes, 4 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Os usuarios que buscan principalmente que o seu smartphone teña unha boa autonomía teñen agora un novo dispositivo a ter en conta, o Asus Zenfone 4 Max, que sorprende principalmente por contar cunha xenerosa batería de 5.000 mAh, o que sería preto do dobre da meirande parte dos smartphones á venda actualmente, e que como indicativo da súa capacidade temos que tarda en cargarse totalmente até 4 horas (aínda que en 15 minutos de carga xa podemos conseguir capacidade dabondo para falar por teléfono 3 horas). Dado o grande tamaño da batería deste smartphone está dispoñible a posibilidade de empregalo como se fose unha batería externa doutros dispositivos.
Este teléfono, que venderase en cor negra, dourada e rosa, tamén destaca por contar con dobre cámara traseira (unha con apertura f/2.0 e outra con grande angular) de 13 Mpíxeles, mentres que a cámara frontal é de 8 Mpíxeles, e por ter unha bandexa extraíble con capacidade para 2 tarxetas SIM e unha tarxeta de memoria de até 256 GB (ou sexa, que de ampliar a capacidade interna do móbil non perdemos a opción de dobre SIM como acontece con moitos terminais móbiles).
O Asus Zenfone 4 Max terá pantalla Full HD S-IPS de 5,5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 430 (8 núcleos) ou 425 (4 núcleos), 4 GB de RAM, 16/32/64 GB de almacenamento interno, lector de pegadas dixitais, un grosor de 8,9 milímetros e un peso de 181 gramos, que será sen dúbida un dispositivo atractivo se temos en conta que o seu modelo máis básico (con 2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento) sairá á venda por 13.900 rublos (206 euros) o que permitiríalle competir Moto E4 Plus, outro smartphone que destaca pola súa batería de 5.000 mAh, pero que ten unha pantalla de pouca resolución e cámara traseira simple.

PUBLICIDADE