O Asus Chromebit será un equipo informático con forma de stick HDMI

mércores, 1 de abril do 2015 Marcus Fernández

Google informa de que cada vez temos no mercado máis dispositivos con Chrome OS, chegando ao mercado varios equipos portátiles Chromebook a prezos sumamente reducidos (como o Haier Chromebook 11 que custaría só 149 dólares), destacando especialmente os novos produtos que prepara Asus, e que son realmente prometedores, xa que por unha banda teriamos o equipo Asus Chromebook Flip (que sería un convertible con pantalla táctil con só 15 milímetros de grosor e que chegaría en primavera por 249 dólares) e por outra sorprendería co Chromebit, un ordenador completo encapsulado nun dispositivo do tamaño dunha memoria USB e que conectaríase por HDMI na pantalla que quixeramos converter nun ordenador con Chrome OS, o que pode resultar moi atractivo para levar este sistema operativo a escolas e negocios.
O Chromebit chegaría no verán ao mercado a un prezo inferior aos 100 dólares, e aínda que inicialmente poida parecer que estamos ante un Chromecast, trátase de moito máis, xa que integra un procesador Rockchip 3288, 2 GB de RAM, gráfica Mali 760, 16 GB de almacenamento interno, USB 2.0, Bluetooth 4.0 e Wi-Fi AC, de xeito que sería un ordenador completo moi compacto. Resulta moi atractivo no caso de querer converter monitores ou televisores en equipos informáticos sen ter que realizar un grande investimento e poden gozar das bondades de Chrome OS (sistema con grandes facilidades para a administración de equipos por basearse na nube).

PUBLICIDADE