NudeAudio adapta os seus altofalantes portátiles para soportar auga e area

luns, 21 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Resulta impresionante ver como certos proxectos de micromecenado conseguen completar o seu financiamento nos seus primeiros días, pero vese que certos conceptos son tan atractivos que non precisan de grandes esforzos para que o público se anime a adquirilos de xeito anticipado, como os novos altofalantes de NudeAudio, compañía que xa contaba no seu catálogo con auriculares Bluetooth de distintos tamaños (S, M e L) e que decidiu propor o formato Super-M que busca ser moi transportable, tanto pola súa resistencia (aguanta tanto auga como area, polo que podería levarse sen problema á praia) como polas súas dimensións (podería levarse no peto traseiro duns pantalóns vaqueiros).
Pretendían xuntar 75.000 dólares para facer viable a comercialización dos altofalantes NudeAudio Super-M, pero a 24 días para o remate da súa campaña en Kickstarter xa teñen 293.603 dólares, polo que o éxito está garantido, de xeito que entre e setembro e outubro distribuiranse estes produtos que están a venderse por 99 dólares (73,21 euros).
Estes altofalantes portátiles contan con conectividade Bluetooth 4.0, integran unha batería cunha autonomía de até 8 horas e poden empregarse tamén como mans libres para o móbil e dende a compañía que os desenvolveu aseguran que en probas realizadas conseguiron reproducir son cunha calidade superior que outros produtos da competencia co triplo de prezo.

A resistencia dos altofalantes NudeAudio Super-M fainos ideais para a praia

PUBLICIDADE