Novidades dende Classora, o buscador intelixente galego
luns, 31 de xaneiro do 2011
Classora,
a base de coñecemento con raizame galega da que falamos con motivo dos seus primeiros pasos dados, xa comeza a coller corpo. Cómpre
lembrar que se trata dunha das ferramentas tecnolóxicas máis ambiciosas que
xurdiron o ano pasado da nosa terra e que, para facérmonos unha idea de en que
consiste, estariamos a falar dun buscador que, a diferenza doutros recursos da
mesma índole (mesmo Google), poría por fin un pouquiño de intelixencia real
(non suxerida) na súa operatividade. Ou sexa, que sería quen de entender o
significado de aquilo ao que dá acubillo. Segundo contan no blog propio os responsables do servizo, un dos seus grandes puntos a favor é
o simple que resulta. Ou sexa, que está ao alcance de calquera, sempre e cando
este usuario estea interesado en buscar unha información. Polo tanto, cóbrese
ao 99,9% dos mortais.
“En
primeiro lugar”, dise na bitácora, “en Classora pódense atopar rankings,
clasificacións deportivas e listaxes de todo tipo; de feito, en canto a volume
de datos, Classora é probablemente a meirande plataforma de rankings de
Internet”.
O blog é pródigo en exemplos, e para facérmonos unha idea do que
se achega nada mellor que botarlle un ollo á Clasificación
da liga de fútbol de España (LFP), á listaxe de artistas
que máis discos venderon ou á escolma
das mellores actrices da historia do cinema. En caso de estarmos buscando
un ranking en non dalo atopado, os
responsables de Classora chaman á calma e a algo máis: á participación. De
feito, ao igual que a Wikipedia e outros proxectos de Internet, Classora ábrese
á comunidade de internautas para coller corpo, mellorar, completarse e
desenvolverse. “En Classora podes
participar engadindo novos contidos”, comenta dende a bitácora o equipo que
dirixe Iván Gómez, fundador do proxecto.
Amais do devandito e desta vontade de abrirse,
en Classora podemos ver moito máis que rankings
e listaxes diversas: podemos ver unidades de coñecemento. A xuízo dos
responsables do buscador, este “ofrécenos
unha visión innovadora ao cen por cen da información que temos ao noso arredor”.
Por exemplo, aínda que sabemos moito dun país como España ou dunha empresa como
Apple, comentan, Classora pode cruzalos con tódolos rankings nos que figuran, o que permite obter unha radiografía
instantánea dos elementos, unha pantalla con datos inéditos e interesantes para
quen estea a procurar información. Isto lévanos ao comezo deste texto, cando
falamos da súa vertente lóxica: o buscador está dotado de certa capacidade para
interpretar os datos e responder a algunhas preguntas, indo alén de Google (que
só devolve ligazóns a outras páxinas) e devolvendo coñecemento concreto. O
proxecto, que aínda está en desenvolvemento (polo de agora hai que empregar
unha linguaxe propia), ten malia todo isto os alicerces asentados. “Seguimos a traballar na iniciativa”,
comentan, “e agardamos que cada vez os
resultados sexan mellores”.
