Nova plataforma de teleformación do Concello de Santiago de Compostela

xoves, 23 de xullo do 2009 Redacción

O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo de Santiago de Compostela, Xosé Manuel Iglesias, presentou a Plataforma de formación máiscompostela, á que se accederá dende a páxina web da Concellaría e que ten coma obxectivo dar resposta ás demandas formativas do mercado laboral e do tecido produtivo compostelán, a través dunha ferramenta de formación de balde á que o alumando pode acceder as 24 horas do día.
A Plataforma de formación permite desenvolver a acción formativa dende calquera lugar: a propia casa, durante unha viaxe, etc. Esta dispoñibilidade de horarios axuda a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral. Outras características que presenta son a súa gratuidade e a súa multidisciplinaridade.
Pode acceder a esta plataforma o equipo de xestión, o profesorado e o alumado dos cursos que, a partir de agora, organice a Concellaría de Promoción Económica a través do sistema de teleformación.
As primeiras accións formativas que se impartirán son os 13 cursos de teleformación do Plan de formación e mellora de competitividade para os sectores industrial, da construción, e do comercio e a hostalería (Plan de Formación 2009): Xestión Laboral, Xestión Contable, Xestión Tributaria, Liderado e xestión de equipos, Habilidades directivas, Calidade, Organizacion e comunicación na empresa, Axudas Públicas, Presentacións eficaces, Márketing e PEME, Atención á clientela, E-marketing e Loxística integral. Contan cun total de 200 prazas xa cubertas, para as que se presentaron 637 solicitudes e está previsto que comecen a impartirse dun xeito progresivo, a partires do 29 de xullo, coincidindo co comezo do curso de Xestión Contable.
No deseño do plan formativo Promoción Económica ten en conta os resultados da Enquisa de necesidades formativas.

PUBLICIDADE