San Sadurniño ultima os detalles do seu novo (o sexto) Chanfaina Lab

martes, 30 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 170.8 KB
Unha das fotografías incluídas en Soñadores, de Gabriel Tizón

O Concello de San Sadurniño segue adiante cos seus obradoiros de Chanfaina Lab, o proxecto de creatividade e dinamización socio-rural materializado a través das novas tecnoloxías e os seus diferentes dispositivos e linguaxes. Estes días o concello atópase nun punto de inflexión: está na súa recta final o quinto encontro audiovisual e participativo Chanfaina Lab (no que participaron preto de tres ducias de realizadoras e realizadores) e atópase a piques de arrancar a seguinte edición. A convocatoria en curso (por pouco tempo) chega á súa recta final da man do fotoxornalista Gabriel Tizón, que achegou “unha peza audiovisual que vén reflectir a esencia do encontro a través de instantáneas do que non se ve, o que está detrás das cámaras”, en palabras da organización.
Segundo engaden dende o Goberno local, o autor compuxo unha pequena montaxe de clausura que salta a Youtube (con nome de Soñadores) a pouco máis dun mes do arranque dun novo Chanfaina que trae “numerosas novidades”. A principal será a súa duración da súa quenda oficial, do 3 ao 8 de setembro, ampliando a oferta de obradoiros pola semana que se veñen sumar á actividade do sábado e o domingo reservada para as rodaxes.
O vídeo achegado por Tizón serve como antesala do seu obradoiro en Chanfaina Lab, Editar coa mirada, que se celebra este sábado 3 de agosto no local social da Seara, en Ferreira. Trátase dun taller para amantes da fotografía en xeral no que, segundo o autor, “insistirase no valor da mirada, o resultado de fotografar como pensamos e a edición final”. A sesión durará desde as 10.00h. até as 20.00h, “nun entorno tranquilo e de natureza”. A asistencia está limitada a 20 prazas cun prezo por persoa de 85€, incluído o xantar. As inscricións hai que facelas a través de info@gabrieltizon.com.
En setembro, máis Chanfaina
Como dixemos, o último vídeo do Chanfaina 2018 dá o chimpo á Rede cando xa comezou a conta atrás da edición 2019. Segundo informa o Concello, a totalidade dos detalles sobre esta nova convocatoria está practicamente pechada”, con 32 nomes confirmados de aquí e de acolá que acudirán á cita para mostraren outros puntos de vista de San Sadurniño, sexan documentais, ficticios ou experimentais”.
As datas serán as seguintes: do 3 ao 8 de setembro. Serán seis días dos que catro están reservados para obradoiros e outros dous para rodaxes. O martes 3 (de 16 a 20.00h) a realizadora e por dúas veces chanfaineira Sandra Sánchez ofrecerá un obradoiro sobre técnicas de montaxe audiovisual. O mércores 4 tocará un obradoiro sobre videoxogos e animación 3D dentro do programa TechKids que desenvolven a AMTEGA e o Colexio profesional de Enxeñaría Informática de Galicia. Esta sesión desenvolverase entre as 10 e as 14.00h., ao igual que a do xoves 5, cando a rapazada de 12 a 18 anos poderá entrar en contacto coa creación de apps para dispositivos Android.
O venres 6 achegarase un curso acelerado sobre fotografía 3D impartido polo experto Anxo Santomil (de 10 a 14.00h) e, a partir do serán, está previsto darlle a benvida aos creadores e creadoras que participarán no VI Chanfaina Lab gravando as súas curtas tanto na xornada do sábado coma na do domingo.

PUBLICIDADE