Windows 7 deixará de recibir actualizacións de seguridade en xaneiro

luns, 28 de outubro do 2019 Redacción

Dende Microsoft continúan a insistir no feito de que Windows 7 é un sistema operativo obsoleto, e que cómpre actualizar a Windows 10 o antes posible. Nas últimas notificacións que están a recibir usuarios de Windows 7 destácase que o 14 de xaneiro de 2020 remata o soporte técnico de Windows 7, ou sexa, que a partires de tal data Windows 7 non terá actualizacións de seguridade, non recibirá actualizacións de software e tampouco contará con soporte técnico por parte de Microsoft, de xeito que continuar a empregar o vello sistema operativo supón un grande risco de seguridade e unha grande exposición o malware.
Cómpre salientar que, aínda que Windows continuará a funcionar despois do 14 de xaneiro, o Internet Explorer tamén descontinuarase a partires de tal data (outros navegadores web xa abandonaron sistemas operativos vellos hai tempo), polo que ter un ordenador con Windows 7 navegando pola Rede é claramente unha mala idea.
No caso das empresas que aínda non poidan acometer a actualización a Windows 10 estarán dispoñibles actualizacións de seguridade estendidas de Windows 7 Professional e Windows 7 Enterprise até xaneiro de 2023, que serán de pagamento (e Office 365 ProPlus tamén manterá actualizacións de seguridade até xaneiro de 2023).

PUBLICIDADE