Nothing renova os seus auriculares sen fíos

mércores, 22 de marzo do 2023 Marcus Fernández

A marca de móbiles de Carl Pei, un dos fundadores de OnePlus, iniciou a súa chegada ao mercado cos auriculares Nothing Ear (1), e agora que xa teñen certo tempo chegou a hora de renovalos, e así chegan os Nothing Ear (2), auriculares sen fíos que manteñen o seu orixinal deseño con partes transparentes, así como unha boa calidade sonora e cancelación de ruído, aínda que desta volta o seu prezo sexa maior, xa que este novo modelo chega ao mercado a 149 euros, o que fai que a súa compra non sexa tan apetecible (pois compite con auriculares de marcas moito máis establecidas).
Os Nothing Ear (2) ten un peso de só 4,5 gramos, están equipados cun potente driver de 11,6 milímetros, contan con certificación de audio de alta resolución de 24 bits (grazas ao codec LHDC 5.0), incorporan cancelación de ruído activa (capaz de suprimir até 40 dB de ruído), son resistentes á auga (IP54) e a súa autonomía chega até as 6,3 horas (ampliables até 36 horas co seu estoxo de carga). Coa autonomía cómpre salientar que de ter activada a cancelación de ruído a duración baixa a 4 horas (22,5 horas co estoxo de carga). Aparte de cargarse por USB-C tamén poden cargarse mediante indución (polo que tamén poderían cargarse directamente ao colocarse en contacto con móbiles con carga sen fíos inversa).
Estes auriculares contan con conectividade Bluetooth 5.3 e son compatibles tanto con iOS como con Android.

Os novos auriculares de Nothing contan con bastantes opcións de personalización a través da súa aplicación móbil correspondente

PUBLICIDADE