Nikon presenta unha cámara para creadores de contido

mércores, 29 de xuño do 2022 Marcus Fernández

Aínda que os fabricantes de cámaras fotográficas parecían estar a centrar os seus esforzos en acadar grandes cámaras avanzadas para conseguir reputación para as súas marcas, semella que os segmento de mercado máis atractivo non é o dos fotógrafos profesionais, senón o dos creadores de contido, que buscan trebellos versátiles que poidan funcionar tanto para fotografías como para vídeo, de aí que agora anuncien a Nikon Z 30, que presume de ser «a mellor cámara para vloggers» da marca.
A Nikon Z 30 permite crear vídeos con aspecto profesional e grande nitidez grazas a que conta cun sensor dun tamaño moi superior ao das cámaras dos smartphones, sendo capaz de gravar até 125 minutos de xeito ininterrompido e presumindo incluso de bo son grazas aos seu micrófono estéreo integrado (contando coa posibilidade de incorporarlle un micrófono externo). Grava en 4K a 30 imaxes por segundo, sendo tamén capaz de captar 120 imaxes por segundo en Full HD para conseguir unha suave cámara lenta.
Esta cámara ten un sensor CMOS de formato DX de 20,9 Mpíxeles; a súa pantalla táctil é abatible para facilitar o disparo de autorretratos e a gravación de vlogs en primeira persoa; o seu sistema de enfoque automático pode manter o foco nos ollos das persoas e incluso de cans e gatos; pode disparar 11 fotografías por segundo; inclúe conectividade Bluetooth e Wi-Fi para poder copiar os contidos captados de xeito rápido a un smartphone; pode cargarse por USB-C á vez que se emprega para transmitir vídeo en directo a través da Internet (grazas á aplicación Nikon Webcam Utility); e incluso ten obxectivos intercambiables NIKKOR Z (compatible cos obxectivos de montura F das cámaras réflex de Nikon empregando un adaptador de montura FTZ II).
Está previsto que a Nikon Z 30 chegue ao mercado no mes de xullo a un prezo de 799 euros o corpo, podendo tamén adquirirse cun obxectivo de 16-50mm por 959 euros e cun obxectivo adicional de 50-250mm por 1.219 euros. Tamén estará dispoñible un lote co obxectivo de 16-50mm, un accesorio que pode facer de trípode e de mando a distancia e anti-ventos para o micrófono por un prezo de 999 euros, polo que parece que Nikon vai conseguir competir dignamente coa Sony ZV-E10, aproveitando incluso a situación de desabastecemento que ten a devandita cámara.

Vídeo de presentación da Nikon Z 30

PUBLICIDADE