Nextbit anuncia un smartphone con Android orientado á nube
mércores, 2 de setembro do 2015
Nos últimos días había certo interese por ver o produto que
estaba a preparar Nextbit, unha compañía
fundada por reputados enxeñeiros e deseñadores que proviñan doutras compañías
líderes do sector da telefonía móbil, e que gozaban de grande experiencia en
Android, e finalmente ve a luz en Kickstarter “o smartphone máis intelixente”,
Robin, un teléfono baseado en Android, pero que como principal atractivo ten a
súa orientación á nube, para facer que o almacenamento interno do terminal
deixe de ter importancia.
Este novo dispositivo está
a buscar financiamento en Kickstarter, nunha campaña superou o seu
obxectivo no seu primeiro día, aínda que a proposta parece bastante discreta a
nivel técnico, sendo o principal reclamo deste smartphone o seu atractivo
deseño e a promesa duns servizos en liña de calidade (e con actualizacións
constantes de software).
Robin vén a ser un smartphone con pantalla Full HD de 5,2 polgadas, procesador
Qualcomm Snapdragon 808, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (apoiado
por 100 GB de almacenamento en liña), cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, Bluetooth
4.0, Wi-Fi AC, NFC, lector de pegadas dixitais, dobre altofalante frontal, conector
USB-C e batería de 2.680 mAh con carga rápida, que dende España pode adquirirse
pro un prezo de 444 dólares (397 euros) o que parece un compromiso moi elevado
para un dispositivo dunha compañía que aínda non demostrou o seu bo facer e que
só dá unha garantía de produto de 1 ano (aparte do feito de que haberá que
agardar ao mes de febreiro para que o smartphone comece a enviarse aos seus
mecenas).
Pero se deixamos a un lado a conveniencia da compra dun produto nunhas
condicións tan extremas, estamos ante un concepto moi prometedor, que parece
indicar cara a onde camiña o sector, xa que Robin non só se limitaría a facer
unha copia das fotografías que temos no móbil cando estamos en Wi-Fi e temos o
terminal conectado a corrente, senón que tamén faría copia das aplicacións, e
contaría cunha función na que, de detectar contidos (tanto fotografías como
aplicacións) de uso pouco frecuente, borraría a copia local deixándoos só na
nube, liberando así o espazo no teléfono, e facilitando así que sempre haxa
espazo de disco dispoñible para instalar unha nova aplicación ou disparar máis
fotografías.
- Robin conta con conector USB-C e LED inferior de notificacións
O teléfono tamén conta con elementos curiosos, como un LED de notificacións na
súa parte inferior, que fai doado que percibamos que temos un aviso importante
no teléfono cando o teñamos en silencio sobre a mesa; promete unhas fotografías
de calidade mediante un sistema de enfoque automático mediante detección de fase
e coa posibilidade de gardar as imaxes en RAW; e pese a ter unha batería que
pode parecer bastante pobre, aseguran que usándoa eficientemente conseguirán
unha boa autonomía.
De todos os xeitos estamos ante un produto que vai telo moi complicado para
atopar un oco no mercado máis aló da súa campaña de micromecenado, xa que as
funcións básicas de copia de seguridade na nube xa as ofrece Google dende hai
tempo (con espazo ilimitado na nube no caso das fotografías), e dado o prezo
deste dispositivo, moitos usuarios optarán antes mercar un smartphone de gama
media-alta dun fabricante coñecido a arriscarse cun dispositivo que está lonxe
de ser económico, e cun futuro incerto.
- O Robin de Nextbit comercializarase en dúas cores diferentes