Netun achega dende Galicia Open Future unha tecnoloxía que remata cos riscos dos triángulos de sinalización de avarías

luns, 19 de setembro do 2016 Fernando Sarasketa

Sen dúbida unha parte imporante do noso músculo innovador está no centro de empredemento tecnolóxico e crowd-working que Telefónica ten na Cidade da Cultura de Santiago, o centro Galicia Open Future, que vai xa pola súa terceira edición acelerando, visualizando e asesorando medio cento (por convocatoria) de proxectos da nosa terra en diferentes estado de desenvolvemento e maduración. Boa parte destes proxectos, ademais, teñen o ingrediente extra de achegar tecnoloxía para mellorar o mundo: o noso xeito de acceder á información, o noso xeito de coidar dos demais, o noso xeito de desprazarnos dun lugar a outro. Precisamente, entre as iniciativas aceleradas este ano atópase unha proposta para evitar situacións de risco nas estradas. Trátase do Netun Solutions, que desenvolveu unha baliza luminosa de sinalización de emerxencias que mellora os sistemas actuais de advertencia. Chámase Help-Flash e xa se está a comercializar no mercado español.
A súa principal vantaxe na colocación dos obrigatorios triángulos de sinalización de avarías, informa o equipo de Netun, é que “reduce o tempo da manobra de advertencia, que pasa de desenvolverse en 8 minutos aproximadamente a 30 segundos”. Ademais, engaden, “evita que o condutor teña que saír do coche para colocar o aparello Help-Flash, xa que o dispositivo adhírese ao teito do coche, sen necesidade de saír del, e actívase de maneira automática”. A maiores, a tecnoloxía é quen de conectarse directamente cunha aplicación móbil que permite pedir axuda e xeolocalizar o vehículo, ou sexa sabermos exactamente as coordenadas do seu emprazamento nun mapa en liña.
Segundo explican dende Netun salientando o ingrediente de protección que pon en xogo Help-Flash, este resulta un complemento extra de seguridade que cobre un apartado que apenas se cubrira até o de agora: todo o que acontece dende que o coche se detén na beira da estrada até que fica sinalizado cos triángulos obrigatorios.
Dende un plano máis técnico, esta innovadora baliza de sinalización consiste nunha lámpada compacta de pequeno tamaño que podemos gardar no portaluvas do coche e que emite escintileos intermitentes en cor ámbar coa cadencia do sinal internacional SOS de advertencia de perigo. Estes escintileos resultan visíbeis a 1 quilómetro de distancia, e son “alimentados” por unha batería que ten unha durabilidade de cinco anos. O sistema, a maiores, incorpora un segundo feixe de luz branca de 360º de alta potencia, que pode ser usada como lanterna. Esta luz ten un sistema de amarre magnético, co fin de que poidamos empregala coas mans ceibas, “a diferenza dos foques tradicionais”, para emendar e solventar situacións de toda índole que poidan darse na estrada con visibilidade reducida (por exemplo revisar unha roda ou o motor).
Segundo engaden os responsábeis do desenvolvemento de Help-Flash, este dispositivo é “especialmente útil” para persoas con algunha discapacidade ou con dificultades de mobilidade, coches adaptados ou motoristas. “De feito”, explican, “das primeira 5.000 unidades que se fabricaron, 1.500 vendéronse á Fundación Avata de axuda ao accidentado”.
A idea, cuxa posta en marcha levou catro anos e integra até sete patentes tecnolóxicas, ten o seu xermolo nunha idea de Jorge Torre, garda civil en excelencia, apoiado polos cinco socios que forman parte do proxecto: Jorge Costas, Juan José Romero, Roberto Pérez Marijuán e Javier Romano.

PUBLICIDADE