Net2 e Astra presentan en Santiago unha solución para rematar coa fenda dixital galega
martes, 1 de setembro do 2009
As empresas Net2 e SES Astra, especializadas en servizos de rede e de comunicacións por satélite (respectivamente), están a achegar á nosa terra os froitos dos seus esforzos colaborativos en materia de acceso á Rede universal e a prezos razoables. A máis recente cita cos profesionais e cos clientes galegos foi en Compostela, este martes 1 de setembro, e nela deuse a coñecer, entre outras cousas, o servizo Astra2Connect, un recurso para conectármonos á Internet que, a xuízo dos seus responsables, conta con potencial abondo para rematar dunha vez por todas cos problemas de cobertura dixital que ten unha boa parte da nosa terra. De feito, así o recalcaron as dúas compañías no encontro de hoxe: está por aparecer aínda a solución definitiva para a nosa fenda dixital, unha circunstancia que é aínda máis grave se temos en conta as importantes vantaxes comunicativas e de negocio que lles achegaría a Rede ás explotacións gandeiras e agrícolas, á hostalería e ao turismo e, en definitiva, ás pequenas e medianas empresas que desenvolven o seu labor afastadas dos grandes núcleos urbanos.
Por certo que na presentación deste servizo participou o director de Desenvolvemento de Astra, José Luis Gárate, quen sinalou que o número de tecnoloxías que non funcionaron como se agardaba en materia de cobertura dixital íntegra é a día de hoxe elevado de máis, polo que cómpre dirixir a ollada cara un recurso que sexa especialmente axeitado para as circunstancias particulares da xeografía galega, moi accidentada e cunha poboación especialmente dispersa. Ao seu xuízo, non cabe dúbida que esa tecnoloxía é o satélite. “A orografía e o espallamento poboacional en Galicia fan inviables outras solucións”, comentou. E proseguiu, facendo referencia ás vantaxes deste recurso: “Co satélite pódese chegar ao 100% dos fogares e as empresas galegas e, con este novo servizo que presentamos, a prezos razoables, de arredor de 40 euros mensuais”.
Na súa opinión, semellante problemática presenta a extensión da cobertura de TDT, que ten que recorrer ao satélite para poder abranguer todo o noso territorio.
Tanto nun caso coma noutro, sinalou, estanse a obter importantes apoios por parte das administracións estatais. Un exemplo disto é a implicación da Deputación de Ourense no desenvolvemento de telecentros, iniciativa na que Net2 está a traballar xa a día de hoxe. Con todo, a empresa aproveitou o acto celebrado en Compostela para chamar a atención do Goberno autonómico: “O desexable sería que novo Executivo galego adoptara unha postura semellante á de por exemplo o novo Executivo navarro, co que asinamos un convenio para conseguir que o 2% dos cidadáns daquela autonomía que aínda ficaba na escuridade dixital dispuxera de subvencións para asumir todos os gastos de instalación e compra destes equipos”.
Por certo que a presentación desenvolvida hoxe en Santiago é a primeira das nove que percorrerán o país ao longo do mes de setembro.
