Nace (no real e na web) un selo galego dedicado á ciencia ficción, o terror e a fantasía: Urco Editora
mércores, 5 de decembro do 2007
Dicía Javier López (director xeral de Feuga) nunha entrevista recente con Código Cero que innovar é un claro exercicio de observación. De estar atento ós ocos de mercado que fiquen aínda baleiros (que son moitos) e de abrir ben os ollos. Precisamente, un dos ocos por encher máis salientables de Galiza é o que fai referencia ó mercado editorial e máis concretamente ós xéneros de fantasía, terror e a ciencia ficción. En certa maneira, case se pedía a berros que alguén se puxese mans á obra neste senso, aínda que non se reparase moito no tema (innovar tamén é facer que os demais digan: por que non se nos ocorrería a nós antes?). O caso é que xa temos editorial especializada no tema e con sede en Compostela: Urco Editora, que se vai presentar en sociedade o vindeiro xoves día 20 na Fundación Caixa Galicia de Santiago e que (para ir preparando o terreo) xa conta con páxina web, onde se informa das liñas de actividade do selo: gótica, fantasía e ciencia ficción.
Por certo que, segundo se nos explica no sitio en liña, a primeira das coleccións inaugurarase cunha edición bilingüe e ilustrada dun clásico onde os haxa: O corvo, o poema longo de Edgar Allan Poe. Segundo puidemos ver na páxina web, xa é posible subscribirse vía e-mail ás novidades da editorial (e se nos subscribimos no acto de presentación, recibiremos de balde o devandito título como agasallo de benvida).
Urco Editora, que considera que ata o de agora o sector literario galego apenas ten emprestado atención a este tipo de temáticas (agás a través de iniciativas fragmentadas en coleccións ou series catalogadas baixo os criterios de “clásicos” ou “xuvenil”) aposta nos seus produtos pola vía da liberdade no uso. Dito doutro xeito: Urco sitúase no vieiro do software libre e da cultura accesible, pero dende o plano da literatura. Deste xeito, xa anuncian na súa web que empregarán licenzas Creative Commons para as traducións de textos sen dereitos e por un traballo editorial baseado no software libre e open source.
Na imaxe, ilustración de Gustave Doré para unha edición de O Corvo.
