Músicos e afeccionados, cada vez máis preto e grazas á Rede
martes, 23 de xaneiro do 2007

- Cancións en aberto, tamén de Ten Pounds to the Sound
O sector musical móvese, xunto co propio
mercado. A música está viva e pensar que vai chegar á súa fin porque as
discográficas viven unha crise significaría crer que son unha mesma cousa
(industria e música, grandes superficies comerciais e alimentos, museos e
arte). As cancións respiran e sempre existirán mentres haxa quen as escriba ó
carón de quen queira escoitalas. Neste senso, os seareiros podemos estar
tranquilos. Os artistas buscarán sempre a maneira de achegarse a nós, a través
das moitas canles posibles que teñen á súa disposición. O feito de que moitos
deles xa non queiran optar pola imposta pola gran industria discográfica pode
resultar ou non comprensible, pero si respectable como decisión. A maquinaria
que factura e vende CDs no mundo, como case tódolos sectores que entraron
algunha vez en crise, non está ceibe de culpa: construíu unha boa parte do seu
propio cadalso, se cadra pensando que estaba a construír unha tarima ou un
podio. As novas tecnoloxías da información están a cambiar para sempre o xeito
de comunicarnos, o xeito de facer cine, escritura, xornalismo ou arte. Como non
ía cambiar o xeito de acceder á música? Como se pode pensar que os modelos de
negocio de éxito poden durar eternamente, calquera modelo de negocio e sen
afacerse ós novos tempos? Estas preguntas fican curtas e faltas de ambición se
pensamos na media de beneficio que ata o de agora estaban a sacar os solistas e
grupos fichados por unha boa parte do sector das discográficas: o 4% do pastel,
segundo sinalan Ruben Ginestós e Marc Mariné na súa web dpop.es, un sitio onde os internautas podemos
obter cancións de balde que son coma tarxetas de presentacións dos diferentes
artistas que voluntariamente penduran alí as súas creacións. A fin de contas,
coa industria discográfica tradicional acontece (aínda que hai excepcións) como
con outros moitos sectores que se resisten con unllas e dentes a afacerse á
principal característica do tempo: que transcorre. Pensemos por exemplo no
tecido enerxético mundial, convencéndonos a todos de que non hai máis
alternativa para ir dun lado a outro do mundo que o petróleo e derivados.
Porén, se temos un chisco de curiosidade descubriremos -por exemplo- que un
coche con motor diésel pode moverse perfectamente e funcionar igual de ben con
aceite vexetal, o mesmo que usamos para fritir a comida na casa.

- Instrumentos de música libre
Moito se falta nos últimos tempos de Copyleft e Creative Commons, que
exemplifican dalgún xeito (con máis ou menos rigorosidade na defensa dos
dereitos de autor) as novas canles de diálogo entre música e seareiros, sempre
ou case sempre coa Rede de por medio, unha plataforma que facilita ata o
inimaxinable o tráfico legal de creacións.
O tipo de licenzas máis usadas son as que abrangue a organización non
gobernamental Creative Commons, que traducido ó galego e de xeito literal viría
a significar Comúns Creativos. Estas
licenzas son diferentes ás tradicionais, as que decote veñen cinguidas á
industria que todos coñecemos. A dita organización, fundada e presidida por
Lawrence Lessig (da Universidade de Stanford), establece diferentes tipos de
recoñecementos dos dereitos dos artistas, segundo sexan os seus intereses.
Hainos que fixan liberdade total á hora de levar a cabo a descarga e hainos que
esixen o respecto á autoría e mesmo ó uso comercial. Porén, todo isto (Creative
Commons, Licenzas Música
Libre: LML) vai orientado a favorecer a máxima distribución da obra dos
artistas, a botar abaixo a maior cantidade de barreiras que se interpoñan entre
eles e os seareiros.
Asemade, a idea dos músicos que se adscriben a
estes novos dereitos, das webs nas que se intercambian os seus produtos e dos
propios usuarios que descargan estas cancións é potenciar a principal fonte de
ingresos de artistas que, en contra do que moitos criamos, non é a venda de
discos, senón a súa propia música. Dito doutra maneira: os concertos achegan
entre o 60% e o 80% dos beneficios xerados. Mais, cal pode ser a chave para
conseguir máis concertos e beneficios? Dende logo, apuntan os artistas, non se
trata de poñer no mercado un CD a 20 euros, feito que para moitos músicos pecha
máis portas das que abre. Para o novo xeito de facer música, as cancións son
cartas de presentación, tarxetas, saúdos, manifestos, chiscadas de ollos e
mesmo acenos de amizade. Non fontes de ingresos en si mesmas. Se somos quen de
entender isto, poderemos entendelo todo.
www.aregueifa.net (e tamén aregueifa.blogspot.com)
Un dos nosos sitios galegos preferidos (en
realidade son dous), exemplo perfectamente válido do que se entende por espazo
libre de distribución de música a través das licenzas Creative Commons.
Artistas e internautas poden achegar e solicitar o que se lles ocorra: “Non importa o que fagas (música,
videocreación, pintura, poesía, fotografía ou banda deseñada), nen como o
fagas, se é dixitalizabel e queres difundilo na Rede”. O sitio de
Aregueifa.net é un netlabel (selo de Rede, en galego), nova índole de
discográfica sen sede física e distribuíndo música de balde para os
internautas, que non están obrigados nin sequera a achegar datos persoais ou a
aturar publicidade agresiva (unha discográfica netlabel sería o máis semellante a un amigo afeccionado á música
que che peta na porta para dar consellos). A Regueifa trae obras de tódolos
recunchos do mundo para as nosas orellas e –asemade- reivindica o que se
produce en Galiza.
Unha plataforma independente que resume en
poucas palabras todo o que a outros nos leva a plana dunha revista. É un
servizo relativamente novo, e vai encamiñado sobre todo a promover a artistas
do estado español, sempre e cando eses artistas non sexan dos que teñen entre
cella e cella a idea de estaren nos andeis de supervendas. En realidade, se esa
é a súa única arela, pouco pode facer Dpop por eles, agás amolalos. Mais para
todos aqueles que queren unha canle independente de difusión, cumpre unha boa
parte dos requisitos. Os seus responsables, Ruben Ginestós e Marc Mariné,
traballan a prol de facer que a listaxe de cancións da súa web sexa o máis
semellante posible a unha cadea de reenvío, actuando os computadores de
lanzadeiras: volver a volver a compartir. Os usuarios vense beneficiados porque
non pagan un can e os músicos porque adquiren novos xeitos de darse a coñecer.
O abano de estilos é amplo: rock, indie,
electrónica, melódica e inclasificable. Tamén se ofrece unha axenda de
concertos e un servizo de novas relacionadas cos grupos que difunden a súa
música nesta plataforma. Asemade, hai unha sección para debater e enviar
suxestións. En definitiva, Dpop non lles dá de comer ó músicos (polo menos, non
directamente) nin satisface tódalas expectativas dos afeccionados á música (a
listaxe de grupos é ampla, pero limitada), pero contribúe a quitarnos dos
miolos a idea de que só hai un tipo de produción de discos posible: a que infla
ata o límite do estoupido o valor do plástico da caixa e o papel en branco do
folleto interior do CD.
Estírase e non rompe. A capacidade de
afacérmonos ó paso do tempo mídese en termos de elasticidade. En poñérmonos en
ámbalas dúas beiras do río e á vez; en camiñar coas botas dos demais para
entendelos mellor. Aquí levan anos traballando uns individuos (Antonio Córdoba,
Marta Peirano ou José Luis de Vicente) en dirección diametralmente oposta á
industria tradicional da música e, por extensión, da cultura mesma. Foi Ludwig
van Beethoven un dos primeiros “elásticos” do mundo, dicindo que debía haber un
gran almacén de arte no mundo ó que os artistas levasen as súas obras e no que
puidéramos tomar todo o que precisáramos. Para esta comunidade, hai máis que
facer no mundo da música que ocuparse de camelar a produtores ou executivos. Mentres
os camelas, perdes tempo de facer cancións e, sobre todo, de dalas a coñecer.
Propoñen outros vieiros e, se por casualidade non foran os mellores, polo menos
agardan por ti na seguinte curva.
Este espazo web (legal) pon a disposición dos
internautas centos de miles de cancións. Isto non tería máis importancia se non
fose por un pequeno detalle: son de balde. A web, que é unha das máis
accesibles se non temos coñecemento previo de ningunha plataforma de descarga
de música libre (polo que ben aparece indexada en Google e Yahoo!) inclúe
moreas de obras musicais en mp3 e rexistradas con licenzas CC. Na mesma liña
que outros servizos semellantes, distribúe o seu catálogo en estilos: jazz,
pop, alternativa, acústica, clásica, hip hop, latina, mundo, rock, metal, etc.
Na súa orixe, os responsables da web ofreceron 50.000 novos temas por mes.
Hainos para baixar e hainos para escoitar con feitura de radio. Claro: non
están os grupos máis coñecidos, mais unha das grandes leccións de Supercoco
debeu ser aprendernos dende pequenos que non sempre o máis coñecido é o mellor.
Habendo como hai webs de música e cultura
libre, ata certo punto caía de caixón que se comezaran a organizar certames e
festivais que compartiran o mesmo espírito, e sen que fosen por norma eventos
exclusivos de cultura “perro-flauta”,
aínda que si en parte. O Festival Libre é fillo do seu tempo, entendéndose polo
seu tempo a era de Internet. Ou sexa, que sen Rede non habería un certame así
nin outros da mesma liña. A sección web do certame é unha lanzadeira para
autores e agrupacións que elixiran licenzas libres.
http://musiccalibre.blogspot.com/
Dentro disto da música libre, os blogs tamén
teñen moito que dicir aínda que non podan ou non queiran chegar ás cifras de
cancións manexadas por outros servizos. Este blog non representa a mellor de
tódalas opcións dispoñibles, e non só polo catálogo de temas que pon á nosa
disposición (interesante, pero moi limitado) senón porque semella que foi
vítima dun claro caso de abandono. E é que a listaxe de bitácoras que foron
deixadas soas e na intemperie é tan longa como para que teñamos que ollar de
esguello calquera estatística que se faga sobre o número de blogs no mundo.
Cando naceu a web Pop Bastardo, os seus
primeiros berros e patalexos dende o berce foron de gravación pirata, con
acople de instrumentos incluído. Por fin un caderno onde se lle dá a
importancia que merece a todo o que non constitúe a discografía oficial dos
artistas!, dixeron os internautas que o puxeron en favoritos. Logo pasa o que pasa: que é complicado manter vivas as
lapas, sexa por mor das presións da industria ou de autores cinguidos ó
Copyright ou sexa porque a tarefa de rexistrar gravacións malditas esgota máis
ca pescudar sicofonías. O caso é que foi bonito mentres durou.
Este é un servizo moi empregado polos
internautas galegos: facendo unha pescuda nos diferentes blogs na nosa lingua
atopamos temas musicais abondo obtidos a través desta web. É sinxela, útil e
vai encamiñada a quitarlle ferro ó feito de descargar cancións pola Rede (de
feito, un dos seus lemas é “Non somos malos”). Magnatune.com non é un sitio de
descarga libre. O que hai, cómpre pagalo. Pero non hai que deixarse estarrecer,
a fin de contas estamos a mercar música de artistas ós que moi dificilmente
veremos poñer un pe na nosa terra para montar un concerto. Así que o seu
traballo compensámolo doutro xeito, achegando o que podamos (a partir dunha
cifra mínima de catro euros, e de aí para arriba). Procurar cancións en
Magnatune e descargalas ten un aquel de teimosía arqueolóxica. As posibilidades
de atopar algo interesante son altas (a polución das correntes maioritarias da
música de consumo apenas se sente), e co engadido de ter feito ti mesmo e sen
axuda unha auténtica descuberta coa que gabarte perante os demais. O punto
forte da web é que che aseguran que a metade do que pagues vai dar ó artista.
As opcións son: baixar as cancións dunha obra musical pola web ou encargar o
disco con caixa, folleto e todo achegando o noso enderezo de correo. Se
prememos nunha obra que nos parece interesante, podemos escoitala coma se fose
o produto dunha procura ben encamiñada no dial da radio. O servizo achéganos
suxestións do día e novidades. Entre os grupos que promove, dificilmente
atoparemos algún moi coñecido. Non é que sexan músicos que tocan no garaxe da
súa casa para as amizades, pero si que podemos estar seguros de que nunca se sentirían
cómodos en grandes auditorios.
The Red Ferrer é un portal sindicador de
contidos musicais, o que máis ou menos quere dicir que nos indica vieiros a
seguir na nosa pescuda de cancións pola Rede. Nesta web indícase que hai un
millón de temas musicais espallados por Internet, aínda que a cifra
probablemente se dispare se algún día se se contan as que non están
rexistradas. O certo é que a cantidade de servizos ligados de todo tipo (de
descargas libres ou non libres, de críticas ou de simple información) é tan
grande que o seareiro corre o risco de perderse e (coma nós) de botar de menos
máis sitios que poñan un pouco de orde, sitios grandes que aglutinen o que
ofrecen moitos pequenos de xeito disperso.
O Internet Archive é, por así dicilo, o gran
coleccionista de arquivos de audio na Rede. Detrás deste servizo está unha
organización non gobernamental do mesmo nome e que ten a intención de ceibarnos
ós cidadáns do mundo dos séculos escuros do dixital, que é como lle chaman os
membros do colectivo a este “mentres tanto” no que vivimos e no que non damos
sacado bo proveito das grandísimas posibilidades das novas redes. Por exemplo:
somos conscientes de que a Biblioteca de Alexandría sería unha simple sala de
lectura en comparación coa que se podería habilitar en Internet unicamente
botando do man das obras con licenza aberta? Pois ese é precisamente o camiño
que segue esta web: o da libraría total. E de música aínda podemos sacar un bo
anaco.
Os netlabels son selos de rede, novas discográficas en liña que o único que teñen en común coas tradicionais é que nos fornecen de obras musicais. Polo demais, os temas son de descarga gratuíta e o feito de desfrutar deles non compromete en ningún aspecto ós seareiros. Os netlabels son relativamente novos (van cinguidos á Rede e máis polo miúdo á Rede social), polo que pode ser complicado saber cales son os que máis nos se axustan ós nosos gustos. Un bo xeito de acceder a eles é visitar esta web que nos ocupa, un wiki e/ou directorio que achega datos sobre máis de 200 selos en liña, o que máis ou menos subministra unha idea do que imos atopar: música para tódolos gustos. Tamén podemos atopar programas de radio con cancións destes servizos, foros de discusión ou mesmo as ferramentas precisas para habilitármonos a nosa propia páxina interna (ideal se somos músicos e comungamos cos principios dos netlabels).
