Móbiles de Samsung permitirán desbloquear ordenadores con Windows 10 mediante pegada dixital

martes, 21 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

A aplicación para Android Samsung Flow constitúe un xeito moi atractivo para desbloquear o equipo informático mediante a pegada dixital dende o móbil, de xeito que non é preciso contar cun ordenador con lector de pegadas para gozar deste cómodo sistema de identificación de usuarios, pero até o momento tal funcionalidade quedaba limitada a smartphones Galaxy S7, S7 edge, S6, S6 edge, S6 edge+ e Note 5, e a ordenadores Galaxy TabPro S, o que vai flexibilizarse, de xeito que adiantan que están a preparar unha actualización desta ferramenta para que poida operar con calquera ordenador con Windows 10 no futuro, sexan ou non de Samsung.
A renovación desta aplicación publicada hai un par de anos chegaría coa vindeira grande actualización de Windows (prevista para primeiros de abril) e sería un valor engadido para os smartphones de Samsung con lector de pegada dixital. Esta ferramenta non só permite desbloquear o PC mediante o móbil, senón que tamén achega as notificacións do móbil ao ordenador (permitindo tamén respondelas), transferir contido e compartir actividade co smartphone enlazado, polo que supón unha mellor relación entre equipos informáticos e dispositivos móbiles.

PUBLICIDADE