Meizu quere entrar nos mercados occidentais cun altofalante sen fíos

luns, 16 de maio do 2016 Marcus Fernández

O fabricante chinés de smartphones, Meizu, dá un interesante paso para saltar ao mercado norteamericano, que consiste en probar cal sería a demanda dos seus produtos diferentes dos teléfonos (que previsiblemente tardarán en vender oficialmente nos mercados occidentais por problemas de patentes e de propiedade industrial) cunha campaña de micromecenado en Indiegogo a través da que ofrecen o seu altofalante sen fíos Gravity, que parte dun prezo de 169 dólares (149,30 euros), e que pretende xuntar un mínimo de 100.000 dólares.
O altofalante Gravity non emprega como reclamo ser un produto de Meizu, senón que agocha as súas intencións de proba de mercado e preséntase como un produto de elegante deseño que está composto por un altofalante sen fíos (Wi-Fi N e Bluetooth) de forma alargada que está atravesado por un prisma transparente que consegue dar a sensación de que o altofalante frota no aire e que tamén integra unha pantalla na que podemos ver o que está a reproducir o dispositivo e que, nalgunhas disposicións poderá proxectar a información sobre unha superficie.
Para configurar o altofalante podemos empregar unha aplicación móbil (para iOS e Android, para logo poder reprodución non só a música que teñamos almacenada no noso trebello móbil, senón tamén de servizo sen liña como Spotify, TuneIne, Last.fm... converténdose nun produto bastante versátil que funciona con Android 4.4.2 e que non deixa de lado a calidade sonora (xa que emprega compoñentes de Dirac achegando unha potencia de 2x10 watts). Os mecenas recibirán o produto previsiblemente no mes de decembro, e cando chegue posteriormente ás tendas de EE.UU. prevese que teña un prezo de 249 dólares (de aí que resulte atractivo facerse con este produto de xeito anticipado).

Vídeo promocional do Meizu Gravity

PUBLICIDADE