Marín prepara un portal e unha app sobre os seus atractivos turísticos
luns, 26 de agosto do 2019
O
Concello de Marín
incluíu no seu programa de acción o
desenvolvemento dun novo portal web e dunha aplicación móbil para
atraer visitantes ao termo municipal e dar a coñecer ante a
comunidade en liña os moitos atractivos turísticos, culturais,
etnográficos e gastronómicos locais. A dupla ferramenta terá un
dos seus grandes piares nos contidos multimedia e nos recursos para
que os visitantes planifiquen as súas estadías en Marín da mellor
maneira posible: tendo o máis completo e práctico coñecemento das
súas praias, o seu patrimonio artístico e cultural, as súas rutas,
os seus portos deportivos e os seus comercios e locais hostaleiros,
entre outros ámbitos de gran interese.
A
intención, segundo fixo saber o Concello, é que mediante a
aplicación para dispositivos móbiles os turistas estean en
capacidade de ver rápida e sinxelamente todas as actividades e
propostas de cada ámbito de Marín previamente seleccionado.
O
proxecto diríxese a acadar unha xestión integral deste tipo de
contidos, poñendo en marcha un punto único e centralizado de
información turística local, e enchendo as redes de textos, imaxes
e vídeos sobre Marín e o seu rico patrimonio natural e
arquitectónico. A iniciativa ten un orzamento de 30.000 euros.
Segundo informa o Concello, xa hai ofertas empresariais para dar
forma ás ferramentas, das cales elixirase “a máis vantaxosa”.
