Máis de 9.000 persoas ateigaron os galpóns-cinema de Cans

luns, 23 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Unha das salas de proxección de Cans/ Imaxe de Rafa Costas

Máis de 9.000 visitantes e unha manchea de internautas de todo o espazo dixital seguindo de preto o que deu de si a oitava edición do Festival de Cans, no Porriño. Nin sequera a praia puído co pulo que segue a manter o certame galego, malia a baixada dos apoios orzamentarios e o desenvolvemento paralelo dun festival de semellante nome, ao outro lado dos Pirineos, con máis estrelas pero con moito menos humor e sinxeleza. Segundo nos conta a organización, que ofreceu unha completa cobertura do festival na súa web e en redes sociais como Flickr ou Facebook, a resposta do público foi altamente satisfactoria cara ás novidades introducidas este ano: o aumento no aforo das salas e a inclusión o programa de máis estreas e máis coloquios entre profesionais do audiovisual e asistentes.
Sen dúbida, ao éxito desta oitava edición tamén contribuíu a calidade da música programada, da man de Siniestro Total, Gran Wyoming y Los Insolventes e Os Trebóns. A Asociación Cultural Arela, responsable do certame, quixo destacar tamén o salientábel afianzamento dos espazos de programación paralela ás curtas a concurso, circunstancia que fixo preciso o desenvolvemento de sesións duplas e triplas das propostas do Jalpón Friki e da Sala Multiusos, “converténdose o Jaliñeiro Unplugged xa nun dos sinais de identidade do Festival”.
Entre as actividades concretas que máis interese espertaron atópanse sen dúbida os encontros dos directores, que contaron co apoio decidido do público, segundo informa a organización, tal e como se puído ver coa ateigada cita de Fernando León, na Leira de Alicia, cos seus seareiros.
Xa nun eido máis puramente creativo e experimental, dicir que o festival consolidou a súa colaboración coa Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, sobre todo coa iniciativa Can Campus, que lle permitiu a un grupo de alumnos e alumnas de Comunicación Audiovisual levar a cabo traballo a “lume real e conectounos coas correntes estéticas e industriais do sector audiovisual grazas á titoría dos realizadores Juan Lesta e Belén Montero”. A iniciativa, na que colaboraron máis de cincuenta persoas (entre estudantes, veciños e os músicos do grupo Sinestesia), terá continuidade no futuro. A xuízo da asociación Arela, constatouse que é “unha boa maneira de promover grupos de música novos e amosar que Cans pode funcionar como o mellor plató de gravación ao aire libre coa participación dos veciños e veciñas”.

Palmarés

· Premio de Honra Pedigree´11, dotado coa estatuíña Can de Pedra: María Pujalte.
· Premio do xurado á mellor curtametraxe de ficción, dotado co Can de Pedra e 1.500 euros: Estereoscopía, dirixida e producida por Xacio Baño.
· Premio do público á mellor curtametraxe de ficción, dotado con 1.000 € e Can de Pedra: De que se ríen las hienas, dirixida por Javier Veiga e producida por Xosé Zapata, IB Cinema.
· Premio do xurado dos veciños de Cans á mellor curtametraxe de ficción, dotado co Can de Pedra: El Grifo, de Denis Rovira Van Boekholt e producido por Continental Producciones.
· Premio do público á mellor curtametraxe de animación, dotado con 1.000 € e Can de Pedra: Vicenta, dirixida por Sam e producida por Ignacio Benedeti Cinema.
· Premio do xurado á mellor curtametraxe de animación, dotado co Can de Pedra e 1.500 euros: Birdboy, dirixida por Pedro Rivero e Alberto Vázquez e producida por Abrakam Estudio, Postoma Studio, Cinemar Films e Uniko.
· Premio do xurado á mellor interpretación masculina, dotado co Can de Pedra e 200 euros: ex aequo a Celso Bugallo, por El Grifo, e Vicente de Souza por Estereoscopía.
· Premio do xurado á mellor interpretatición feminina, dotado co Can de Pedra e 200 euros: Toni Acosta, por De que se ríen las hienas.
· Premio do xurado ao mellor guión, dotado co Can de Pedra e 200 euros: Javier Veiga, por De que ser ríen las hienas.
· Premio do xurado ao mellor videoclip, dotado co Can de Pedra e 300 euros: “Dos semanas”, de Misterioso Viaje a Holanda, realizado por Juan Pablo Etcheberry
· Premio do público ao mellor videoclip, dotado co Can de Pedra e 300 euros: “La marcha de las hormigas” de El Cubo, realizado por Andrés Montenegro e Belén Mendaña.

PUBLICIDADE