Máis de 70 rapaces inauguran as primeiras xeiras dos campamentos TIC de Lugo
martes, 19 de xullo do 2011

- O curso Aprendemos Xogando, desenvolvido polo centro In Lugo
O centro In
Lugo da Deputación está a acoller estes días diversas actividades de
divulgación destinadas a amosarlle á rapazada en qué consisten as redes, cales
son as súas vantaxes e cales son os seus riscos. Estas accións, informa
o órgano provincial, pouco teñen que ver cos modelos tradicionais de cursos
tecnolóxicos aos que estamos afeitos. Desta volta, o que se pretende é ofrecer
unha mestura entre campamento de vacacións e obradoiro lúdico-tecnolóxico-dixital.
Por certo que nas primeiras xeiras deste programa Ludo TIC (así se chama), xa participaron máis de 70 rapaces
lucenses, con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos.
Os cursos de apertura foron Mañás de verán e Aprendemos xogando. Os vindeiros días, engade a Deputación,
proseguirán os campamentos, máis polo miúdo ata a xornada do 26 de agosto.
Arestora, todas aquelas familias que queiran
inscribir aos seus cativos nas actividades poden formular a solicitude a través
do correo inlugo@deputacionlugo.org, ou ben chamando ao número de teléfono 982
22 51 86. Segundo informa In Lugo, o número de prazas por cada actividade é de
10 persoas co fin de conseguir que a participación sexa o máis “eficaz posible”.
As actividades, que se desenvolven no propio
In Lugo, emprazado no segundo andar da Escola de Imaxe e Son da capital
lucense, son as seguintes:
Tarxetas
de felicitación. Os participantes inscritos realizan tarxetas de
felicitación personalizadas a través de internet e do procesador de textos,
conseguindo deste xeito que se introduzan de forma lúdica e divertida no uso
das novas tecnoloxías. Impártese os luns de cada semana.
Aprendemos
xogando. Este curso está divido en dúas partes, na primeira explícase o
emprego das novas tecnoloxías, usando a plataforma de baile, xógase coa cámara
web, e coñécese o uso do bolígrafo dixital ou libro electrónico. Nunha segunda
metade, os asistentes poden personalizar debuxos, camisetas, chapeus ou
calquera prenda de vestir empregando o papel transfer. Celébrase os martes e os xoves.
Mañás
de verán. O obxectivo é que os rapaces coñezan tanto os xogos tradicionais
como as últimas novidades dos videoxogos, ó mesmo tempo que aprenden valores
como traballar en equipo ou o compañeirismo. Desenvólvese os luns e os mércores
de cada semana.
Máis cursos
Ademais desta programación, infórmase dende o órgano provincial lucense, o 1º Centro de Innovación Social en Galicia continúa a desenvolver a programación deseñada para este mes. Son 7 obradoiros e seminarios que, de xeito totalmente gratuíto, achegan as vantaxes das novas tecnoloxías ós lucenses co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida. Dende o 11 ó 15 de xullo estase a desenvolver o de Iniciación á Informática, en horario de 16:00 a 18:00 horas, no Centro de Innovación Social, e o de Fotografía Dixital, que se insire dentro da programación itinerante. Este impártese polas tardes, de 16:00 a 18:30 horas, no telecentro de Becerreá.
