Logitech propón o uso dun teclado con touchpad no salón

martes, 4 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Atendendo ao cada vez maior número de usuarios que teñen conectado ao televisor do salón un ordenador, un dispositivo tipo Apple TV ou unha consola de videoxogos, que tenden a ter grandes problemas á hora de introducir texto para realizar buscas e navegar pola web, Logitech presenta o novo Harmony Smart Keyboard, un teclado sen fíos que integra un touchpad, de xeito que facilita un control remoto preciso, á vez que incorpora tamén os botóns típicos de pausa, reprodución ou mudar de canle.
Este produto complétase co Harmony Hub, un accesorio que a través dunha aplicación converte os smartphones con Android ou iOS nun mando a distancia universal (compatible con máis de 225.000 dispositivos de máis de 5.000 marcas), eliminando así a necesidade de ter o salón da casa cheo de mandos a distancia, e coa comodidade de non ter que andar a orientar o mando para que se reciba correctamente o seu sinal de infravermellos.
Espérase que esta solución saia á venda por uns 150 dólares.


Vídeo de presentación dos novos produtos de Logitech para o salón doméstico

PUBLICIDADE