Livescribe lanza un bolígrafo dixitalizador con Wi-Fi

luns, 29 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Os bolígrafos dixitalizadores de Livescribe evolucionan incorporando conectividade sen fíos, e así temos Sky, un smartpen que permite escribir a man, debuxar, gravar audio e crear pencasts como era habitual en dispositivos anteriores, pero permitindo agora unha sincronización automática coa nosa conta persoal de Evernote, o que facilitan enormemente a organización das nosas anotacións, facilitando de paso o seu acceso dende ordenadores, móbiles ou tablets.
O Sky Wifi Smartpen resulta de grande utilidade para tomar apuntes en clase, gravando o que se escribe e escoita, facilitando un repaso do anotado (e unha posible corrección posterior). O dispositivo inclúe o acceso á edición de balde de Evernote con 500 Mbytes adicionais mensuais para a carga de notas e son do smartpen.
O trebello está á venda por 169, 199,95 e 249,95 dólares para as súas versións con 2, 4 e 8 Gb de almacenamento interno respectivamente, aínda que o feito de que estea orientado á nube fai que a súa capacidade interna non sexa de grande importancia (especialmente se temos en conta que unah hora de anotacións de texto poden ocupar só uns 10 Mbytes).


Vídeo de presentación do novo smartpen

PUBLICIDADE