LG quere popularizar o LTE cos seus novos Optimus F

xoves, 21 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

A semana que vén LG vai achegar ao Mobile World Congress de Barcelona unha nova gama de smartphones con conectividade LTE, a Optimus F, que chegan inicialmente en dous modelos con pantalla de 4,3 e 4,7 polgadas, e que buscan achegar as bondades da telefonía 4G a un maior público.
O LG Optimus F5 será un smartphone con pantalla IPS de 4,3 polgadas, procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb), cámaras de 5 e 1,3 Mpíxeles, un grosor de só 9,3 milímetros, unha xenerosa batería de 2.150 mAh e sistema operativo Android 4.1.2.
O LG Optimus F7 pola súa banda optará por unha pantalla IPS de alta definición cunha diagonal de 4,7 polgadas, procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, 2 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb), cámaras de 8 e 1,3 Mpíxeles, un grosor de 9,6 milímetros e unha batería de 2.540 mAh.
Ambos smartphones incluirán unha interface de usuario personalizada por LG que incorpora funcionalidades como QSlide (que permite abrir dúas aplicacións á vez, podendo mudar o seu tamaño e nivel de transparencia) e Live Zooming (que permite achegarse a unha área en concreto mentres reproducimos un vídeo). Agárdase a chegada do LG Optimus F5 ao mercado europeo no segundo trimestre do ano, mentres que o Optimus F7 sairá máis adiante, aínda que cunha distribución máis limitada.

Os LG Optimus F chegarán inicialmente en 2 tamaños e 2 cores

PUBLICIDADE