LG presentará un monitor de 31" de ultra alta definición

martes, 17 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que actualmente non existe unha oferta de contidos audiovisuais para o seu consumo doméstico cunha calidade que superen a alta definición, iso non impide que os fabricantes estean a desenvolver tecnoloxías superiores, e LG anuncia que a primeiros do mes que vén vai levar ao CES de Las Vegas novos monitores de alta gama entre os que destaca o UM95, que chegará cun formato de 21:9 (cinematográfico), en tamaño de 34 polgadas (aínda que tamén terá unha versión de 29) e cun panel IPS cunha impresionante resolución de 3.440 x 1.440 píxeles; así como o impresionante 31MU95, que cun formato máis habitual (16:9) e un tamaño de 31 polgadas é capaz de ofrecer unha resolución de 4.096 x 2.160 píxeles (4K).
Outro monitor moi interesante que amosarán en xaneiro no CES será o 27MB85, da liña Color Prime, que soportará conexións Thunderbolt 2 e inclúe o software de calibración True Color Pro, que promete expresar o 99% do espazo de cor Adobe RGB, polo que sería ideal para fotógrafos e editores de vídeo.

PUBLICIDADE