LG presenta novos monitores ultra-panorámicos
mércores, 31 de decembro do 2014
LG continúa a debullar as novidades que levará a semana que
vén a Las Vegas, entre as que figuran os seus novos monitores ultra-panorámicos,
que coas súas relacións de aspecto 21:9 prometen unha magnífica experiencia de
uso para xogadores, empresas e profesionais da imaxe e o vídeo.
Por exemplo, o LG 34UM67, o monitor para gamers,
conta coa tecnoloxía FreeSync de AMD, que elimina os molestos efectos provocados
por perdas de sincronización entre o monitor e a tarxeta gráfica, conseguindo
así unha sensación de maior fluidez e reducir a perda de fotogramas. Pese a que
falen de que este tipo de monitores é ideal para os videoxogos, realmente hai
poucos títulos que tiren proveito deste formato tan panorámico, pero agárdase
que cada día haxa máis títulos adaptados aos 21:9 ante o incremento da súa
presenza no mercado, permitindo así ter unha visión máis completa da acción,
como xa podemos ver en xogos como Battlefield
4.
O LG 34UC97, cunha resolución de 3.440 x 1.440 píxeles, é un monitor curvo de
34” que busca maximizar o escritorio informático para incrementar a
produtividade, estando especialmente deseñado para un bo funcionamento en
equipos de Apple, xa que é compatible con Thunderbolt 2. O seu panel IPS achega
un ángulo de visión de 178 graos e recrea o 99% do espazo de cor sRGB, polo que
estamos ante un produto ideal para profesionais.
Por outra banda, o LG 34UC87M é un monitor curvo pensado para directamente para
presentar información en configuracións multi-pantalla, o que agradecerán
especialmente os profesionais de mercados financeiros, que poderán monitorizar
así moita información dun xeito óptimo.
E para completar os anuncios do día, e fuxindo do formato 21:9, chega tamén o
LG 31MU97, un monitor de ultra alta definición que, en vez de limitarse a 3.840
x 2.160 píxeles (resolución tamén coñecida como Quad HD), ofrece unha
resolución de 4.096 x 2.160 píxeles, o que permítelle chegar aos 4K reais, atendendo así á demanda dos
profesionais do vídeo, que traballan con ese tipo de resolucións para
producións cinematográficas.