LG incorpora recoñecemento de voz en linguaxe natural ao seu mando a distancia de alta gama

mércores, 19 de decembro do 2012 Marcus Fernández

De cara á vindeira edición do CES de Las Vegas, dende LG presentan o novo Magic Remote, mando a distancia para os televisores CINEMA 3D Smart TV redeseñado para adoptar capacidades de linguaxe natural avanzada que fagan máis doada a súa interacción, continuando a permitir o seu control por voz, xestos, apuntado e roda de desprazamento, polo que estariamos ante un dos mandos universais máis completos.
Aseguran que o LG Magic Remote poderá entender ordes faladas nas que se lle indique, por exemplo, que queremos ver un vídeo en concreto, para que o sistema o interprete e inicie a súa reprodución, de xeito que este tipo de tecnoloxía non queda limitado a móbiles e consolas de videoxogo, senón que tamén a poderemos empregar na comodidade do salón.
Ao combinar distintos métodos de interacción o novo mando busca adaptarse a un uso natural, de xeito que podemos empregar a roda de desprazamento do Magic Remote para desprazarnos verticalmente nunha páxina web que vexamos no televisor, debuxar un número no aire para sintonizar tal canle de televisión, apuntar co mando á pantalla para gozar de xogos con detección de movementos ou simplemente premer os seus poucos botóns (que buscan potenciar a simplicidade de uso).

PUBLICIDADE