Javier Guerra cualifica a Vindeira Capital Network de “fórmula axeitada para impulsar a economía

mércores, 7 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Segue adiante, mesmo fóra de programa, o encontro Vindeira Capital Network que se está a celebrar en Santiago de Compostela e do que falamos onte con todo detalle nesta web. Na xuntanza, que está organizada polo Cluster TIC, a plataforma Vindeira e Gradiant, participan emprendedores TIC da nosa con cadanseu proxecto de negocio (un total de dezaseis), responsables dalgúns dos fondos de investimento máis importantes do eido español (con potencial para impulsar eses proxectos) e profesionais en xeral do ámbito das novas tecnoloxías dixitais. Amais, tamén fixo acto de presenza Javier Guerra, conselleiro de Economía (no centro da imaxe), quen animou aos investidores na primeira xornada de actividades apoiar as iniciativas “serias e viables” que se dan a coñecer ao abeiro da xuntanza.
Segundo sinalou Guerra, a colaboración entre os fondos de capital risco privados, as empresas e as administracións públicas é unha fórmula axeitada para impulsar o avance da economía. Guerra, que tamén destacou a importancia do sector TIC como axente dinamizador dos restantes sectores, quixo pór de manifesto a necesidade de moverse, investindo en iniciativas innovadoras, malia que os á vista dos sinais económicos a idea xeneralizada é a de non facelo.
A xuntanza, que xorde da necesidade de estreitar relacións entre entidades de capital risco de España dentro do sector TIC (e contar así cunha boa rede de co-investidores en potencia), proseguiu hoxe pola mañá coa presentación de oito novos proxectos TIC, catro deles en formato amplo e os restantes en achegas máis breves. A idea do equipo organizador é a de acadar unha xuntanza de longa periodicidade que vaia alén do programa de hoxe e onte, constituíndose as canles de comunicación precisas para que a colaboración e o diálogo sexa constante e mesmo vaian a máis.