Iván Ferreiro achega o seu novo álbum de balde na Rede

luns, 10 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

O cantante galego Iván Ferreiro segue a ceibar o camiño entre os seus seareiros e a súa música, e faino de novo a través de Rede, e dicimos de novo porque a súa relación coa Internet ten sido estreita ó longo da súa carreira en solitario (trala separación de Los Piratas en 2003), mesmo chegando a seleccionar o segundo single do seu albume Canciones para el tiempo y la distancia a través dunha petición -en liña- dos seus seguidores. O caso é que co seu novo traballo Mentiroso Mentiroso, Ferreiro vai alén do devandito e chega practicamente ó punto máis afastado do aproveitamento da Rede, alí onde a arela de comunicación cos seus seareiros é total: habilitándoo na súa web por medio de descarga libre.
O novo álbum, do que xa se pode escoitar o primeiro single, estará accesible nas vindeiras horas e por espazo de 48 horas (en realidade, a idea era publicalo todo libremente o pasado 4 de marzo, pero máis por cuestións de tempo que por problemas técnicos aínda non puideron ser habilitadas as ligazóns).
O artista vigués, que tamén ten un blog persoal onde dá conta das novidades vinculadas ó seu traballo, ten unha importante presenza na Web, onde mesmo conta con espazos webs exclusivamente feitos polos seus seguidores. Un exemplo disto é a web de Los Repelentes Seguidores de Iván Ferreiro.
A nova da achega libre do seu novo traballo está a ser moi ben valorada por internautas de todo o mundo e a primeira hora do luns xa puidemos ver rexistrados centos de comentarios de felicitación nas diferentes entradas que fan referencia á inminente posibilidade de descarga. O novo albume inclúe a cifra nada desprezable de 16 cancións, cualificadas xa polos seus seareiros como “16 bocanadas de aire”. Para os que non poidan agardar máis para ter os temas no seu disco duro ou reprodutor mp3, dicirlles que é posible escoitar o disco en liña na propia web de Ferreiro.

PUBLICIDADE