Ipoki estará na Where 2.0 de California representando á tecnoloxía galega

luns, 28 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Ipoki, iniciativa galega en liña da que xa temos falado en ocasións (por exemplo: polo seu cambio de nome e galeguización, ou pola inclusión de novas ferramentas para twitteos), vai estar na xuntanza Where 2.0 que organiza O´Reilly en California. Concretamente, estará no Launch Pad, que é como se chama a unha das palestras-estrados deste prestixioso encontro para o que, por certo, os mozos e mozas responsables da posta en marcha de Ipoki xa teñen deseñado un relatorio.
Dáse a casualidade de que este ano, a proposta non só é a única que acode a esta cita dos Estados Unidos dende Galiza, senón tamén dende todo o Estado. A ilusión, como se pode supoñer, non é pouca (e así nolo fan saber os autores desta web encamiñada a achegármonos as ferramentas para responderlle á comunidade en liña unha cuestión que esta repite moito e en voz alta: onde é que estamos agora mesmo?).
Amais de para desvelar os segredos fundamentais de Ipoki, a Where 2.0 tamén lles servirá –con toda probabilidade- ós seus responsables para falar de novidades e incorporacións. Por exemplo: a opción de xeoposicionar fotografías de xeito automático no Flickr, función que incluímos reflectida na imaxe. Asemade, tamén está prevista a chegada da aplicación de Ipoki para Facebook e o plugin para Blackberry.
Con todo, a experiencia norteamericana da web galega non fica aí, e segundo nos informa Andrés Ribera (un dos autores de Ipoki), a ferramenta vén de ser nomeada finalista na categoría Best Portable Telematics Solution Awarddos premios Telematics 2008 que entrega cada ano a revista do mesmo nome en Detroit, nos Estados Unidos, unha publicación máis ben centrada no eido do motor pero que se centra especialmente nas vantaxes de telecomunicacións aplicadas ó automóbil.