Investigadores da USC impulsan unha web que cartografía a Compostela literaria
luns, 5 de xuño do 2017
Aínda
que o salón
SELIC que se celebra estes días en Compostela sexa en si mesmo
un recordatorio de que Santiago é unha cidade estreitamente ligada
aos libros, cómpre seguir facendo fincapé neste punto e tirar
proveito dunhas cantas cousas ligadas á cuestión literaria:
primeiro, en Santiago viviron e escribiron grandes escritoras e
escritores; segundo, moitas das grandes obras da literatura galega e
estatal están ambientadas na cidade; e terceiro, Compostela e as
súas xentes e recantos seguen vixentes como materia prima artística
de primeira liña. Para
salientar estes feitos e abrir novos camiños para chegar a eles e
entendelos vén de abrollar a páxina Compostela Xeoliteraria.
Podemos vela en compostelageoliteraria.org.
A
web, que polo de agora está só en castelán, está dirixida a
divulgar “os resultados dun proxecto que ten como obxectivo a
análise da conformación de Santiago de Compostela como cidade
literaria”. Na páxina traballan investigadores da USC e das
universidades de Cáceres e Huelva, expertos nos eidos dos estudos
literarios e da xeografía, de aí o nome de Compostela Xeoliteraria.
A idea básica é facer confluír literatura, xeografía e as
posibilidades de localización e achega de información que fornecen
as novas tecnoloxías. Da confluencia destes mundos extráense puntos
de vista ata o de agora nunca vistos nin empregados.
O
proxecto, aliñado no ámbito das humanidades espaciais, é un
proxecto aberto e en desenvolvemento. Segundo conta o responsable do
grupo de investigación, o catedrático da USC Fernando Cabo
Aseguinolaza, definiuse nas primeiras xeiras de traballo un corpus
limitado de textos publicados entre 1842 e 1926. Na súa maioría,
estes textos adscríbense ao xénero da estudantina. “Trátase dun
conxunto de textos acoutado e ben definido que comparte a visión de
Santiago como cidade estudantil descrita desde a experiencia dos
estudantes universitarios de finais do XIX e principios do século
XX”, explica o profesor Cabo. Neste treito temporal, obxecto
primeiro de estudo, tamén figuran nomes como o de Antonio Neira de
Mosquera, que inaugura a representación literaria contemporánea de
Compostela, Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán,
Juan Armada y Figueroa, Ramón del Valle-Inclán, Alejandro Pérez
Lugín ou Prudencio Canitrot.
A
web, que como dixemos ten vontade de extraer recursos relevantes da
interacción coas tecnoloxías de localización, máis en detalle
coas tecnoloxías SIX (Sistemas de Información Xeográfica), fornece
unha serie de mapas que, en palabras dos responsables do proxecto,
“permiten visualizar a dimensión espacial do corpus, ou sexa,
mapas de puntos e rutas, de recorrencia, mapas dinámicos, mapas que
marcan a diferenza entre lugares de acción e de proxección, entre
lugares proxectantes e proxectados”.
Para
a divulgación dos resultados da investigación optouse por un
soporte interactivo (Story Map), que segundo indican os responsables
dos traballos “facilita a expresión e comprensión dun imaxinario
xeoliterario limitado, pero moi significativo”. Este imaxinario,
engaden, abre o camiño para novas achegas vindeiras.
