Investigadores da USC desenvolven unha aplicación para axudarnos a actuar contra o gas radon

luns, 24 de abril do 2017 Fernando Sarasketa

Entre os problemas ambientais invisíbeis de meirande gravidade na nosa terra atópanse sen dúbida os orixinados polo chamado gas radon, un gas tóxico e canceríxeno moi presente nos solos galegos (polas súas características graníticas) e que a día de hoxe constitúe a segunda causa de morte por cancro de pulmón despois do tabaco (datos a nivel internacional). O radon, que se produce pola emisión radioactiva de determinados compoñentes minerais, pode combaterse de varios xeitos, e entre os máis efectivos está algo tan simple como abrir portas e xanelas con regularidade nos nosos fogares. Porén, tamén se pode combater e controlar con novas tecnoloxías da información. Este compoñente TIC está presente nun proxecto que está a ser desenvolvido por investigadores do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela e do Instituto de Microelectrónica de Barcelona (IMB-CNM-CSIC), ambos membros do CPAN.
A iniciativa consiste en dar forma a un sistema automático e economicamente accesíbel que controle os niveis de radon nos edificios. Esta tecnoloxía, que se manexará mediante unha aplicación no móbil, disporá dunha versión máis sinxela para usuarios domésticos e outra para grandes instalacións. O proxecto chámase CARE (acrónimo de Control Automático da concentración de Radon en Edificios) e entre as súas finalidades tamén se atopa a de poñer na nosa nosa man tecnoloxía para dar respostas automáticas ante sobrepresenzas de radon nos nosos fogares ou empresas, adaptando a ventilación ou climatización en función da súa concentración. Un dos seus puntos fortes, polo tanto, é o de habilitar recordatorios e comandos de ventilación, un procedemento que por desinformación ou por limitacións técnicas non aplicamos coa frecuencia que debéramos.
Segundo explican os investigadores e reflicte a USC, as probas do sistema desenvolveranse nunha planta en Galicia, que se atopa entre as Comunidades con meirande presenza do gas. Dolores Cortina, investigadora da USC participante no proxecto, salienta que estas ferramentas “terán cada vez máis demanda, máis coa entrada en vigor o vindeiro ano dunha nova directiva europea que por vez primeira obriga aos gobernos a medir o radon en lugares de traballo emprazados en áreas de risco, así como a reducir a concentración de radon naqueles lugares nos que se rexistre un mínimo de 300 Becquereis por metro cúbico”.
Unha das grandes vantaxes do proxecto CARE é que pon ao alcance da cidadanía tecnoloxía de vangarda altamente especializada. Máis polo miúdo, o sistema acubilla un sensor baseado en tecnoloxía de silicio utilizada en grandes experimentos de física de partículas como o Gran Colisionador de Hadróns (LHC) do CERN, así como un monitor de radon que é quen de fornecernos de medidas de concentración cada media hora. Ambos dispositivos compleméntanse cun sistema que xestiona a información proporcionada polo monitor conectado a unha instalación intelixente de climatización, “para que actúe decontado e de maneira activa e así reducir a concentración de radon”.
CARE conta con financiamento da convocatoria Retos-Colaboración do Programa Estatal de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Orientada aos Retos da Sociedade, no marco do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación 2013-2016. Tamén participan no proxecto as empresas Alibava Systems, Sensing & Control (S&C), ATI Sistemas e Radiansa Consulting.

PUBLICIDADE