Investigadoras da UDC deseñan unha ferramenta intelixente para controlar embarazos dende os centros de saúde
venres, 16 de febreiro do 2007
Un equipo de investigadoras da Universidade da Coruña (UDC) veñen de desenvolver un sistema tecnolóxico para o control do embarazo que podería ser empregado en calquera centro de saúde, ceibando ás nais da obriga e das incomodidades de ter que acudir decote ós hospitais de referencia. Detrás deste proxecto atópase o Laboratorio de I+D de Intelixencia Artificial da UDC (a través dos labores de coordinación de María Amparo Alonso Betanzos) e consiste nunha monitorización antenatal que recolle sinais como a frecuencia cardíaca fetal e a actividade uterina materna.
Isto conseguino o equipo da Universidade a través de transductores que se sitúan no abdome materno, co que se obteñen unha serie de interpretacións sobre o estado do feto e (logo) recomendacións no caso de que a situación non sexa a idónea. Segundo informa a UDC, unha das grandes vantaxes do sistema é que permitiría desconxestionar hospitais como o Materno-Infantil e o Teresa Herrera -no caso da Coruña- e ofrecer un servizo rápido ás futuras nais. De feito, o propio sistema interpretaría a proba para logo enviar o resultado ó dito centro hospitalario. A baza do proxecto baséase no emprego de técnicas de Intelixencia Artificial, como redes neuronais ou estruturas baseadas no coñecemento. “Estas técnicas”, sinala a UDC, “permiten captar o coñecemento médico adquirido coa experiencia, así como achegarse máis ós métodos de razoamento clínico”.
O sistema xa foi publicado en varias revistas especializadas e levado á práctica en Estados Unidos e máis no Hospital Teresa Herrera.
