Innovación e Industria pon en marcha dúas novas webs para as empresas galegas
martes, 15 de abril do 2008 ,

- Fernando Blanco e Helena Veiguela durante a presentación de GaliciaXa
Esta mañá en San Caetano, o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, xunto
coa directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Elena Veiguela, presentaron
GaliciaPMS, un espazo para a mediana e pequena empresa que achega
ferramentas e servizos tecnolóxicos ó tecido empresarial, que fala na mesma
linguaxe cás pemes e tratando de atender as súas necesidades. A idea
última deste proxecto é subministrarlle ó eido privado galego un apoio máis
forte de cara á internacionalización e a competitividade no mercado global, proceso
para o que resulta cada vez máis imprescindible apostar polo dixital.
Sinalar que o sitio GaliciaPMS está
deseñado na súa totalidade en software libre e instalado nunha plataforma IBM
dotada de software básico libre “tamén na súa totalidade interoperable e
multimedia”, segundo sinalou a Consellería.
Ademais, para facilitar o acceso a todas as iniciativas on-line que a Consellaría pon a disposición do tecido empresarial Fernando Blanco tamén
presentou GaliciaXa, un portal que abre o acceso na actualidade a byGalicia, GaliciaPMS, Mancomún e a Estratexia galega da Sociedade da
Información, e ao que se seguirán engadindo portais de referencia nesta
materia.
Espazo de diálogo empresarial
A plataforma GaliciaPMS vai dirixida a establecer diálogo. Diálogo das empresas
coa Consellería pero tamén diálogo entre elas. Con este fin, habilitouse dentro
do portal un espazo chamado Enterpemes encamiñado a
favorecer ferramentas para a comunicación en rede do xeito máis doado posible.
Por exemplo: sen necesidade de obrigar ós empresarios a desprazarse dun recanto
a outro do país ou a viaxar a outros lugares do mundo no seu proceso de
apertura de mercados (co conseguinte aforro de cartos e tempo). Deste xeito,
ofrécense servizos de videoconferencias, chats e foros, “integrando todas
as ferramentas de contacto entre empresas”.
Outro dos apartados de diálogo que quixo salientar a Consellería foi a sección Oportunidades de Negocio, onde se subministran
servizos de taboleiro virtual de anuncios, directorio e buscador de empresas
con datos e contacto de máis de 70.000 pemes galegas, con localización
a través de Google Maps e datos específicos de provedores da nosa terra de
novas tecnoloxías da información (equipos e/ou programas).
Espazo de achega de software
Un dos puntos fortes do portal é sen dúbida a sección Programas e Servizos, que é onde poderemos informarnos das
axudas en materia de innovación que poden recibir as pemes e, tamén,
onde teremos ó alcance da man varios programas de software e acceso libre
encamiñados a mellorar o día a día da nosa empresa. Neste senso, poderemos
descargar paquetes básicos de contabilidade e nóminas ou mesmo programas
destinados a labores de oficina como redacción de cartas, listaxes de produtos,
facturas ou presupostos.
Outro dos eidos salientables é o de Temas empresariais, un apartado actualizado de
xeito constante e que pon a disposición dos internautas cuestións vinculadas ó
económico (cuestións a fin de contas importantes para as súas empresas
presentes e futuras) como onde atopar financiamento, mellores estratéxicas de marketing
e calidade, etc.

