Innovación contrata a achega de banda larga para os polígonos industriais
xoves, 26 de xuño do 2008
Finalmente, o proxecto da Consellería de Innovación de levar a Rede aos polígonos industriais galegos (proxecto do que falamos nesta web co gallo da súa presentación) vai collendo corpo. Cómpre lembrar que a iniciativa, acompañada por un orzamento de 5 millóns de euros, ía dirixida a habilitar Internet sen fíos en 43 complexos industriais da nosa terra que a día de hoxe non contan con ela. Agora, segundo fai saber de novo a Consellería, vense de publicar no Diario Oficial de Galicia unha resolución para o desenvolvemento destas infraestruturas. Nela, entre outras disposicións, anúnciase a contratación por procedemento aberto do contrato administrativo especial que consiste na adquisición e implantación das redes, ademais da súa explotación e conservación.
O orzamento destinado só á licitación do servizo é de 1,6 millóns de euros e o prazo límite da posta en funcionamento é o 30 de novembro de 2008. O prego de condicións atópase neste enderezo.
Unha vez se cumpra este trámite, sinala Innovación, “os polígonos industriais e parques empresariais de Galiza poderán dispor de conexións á rede de calidade, o que axudará a ampliar a súa produtividade, competitividade e posibilidades de negocio”.
