Ineo adianta máis detalles sobre o manual das TIC empresariais que vai presentar en Vigo
xoves, 3 de decembro do 2009
A asociación Ineo vén de adiantar máis detalles sobre a guía para a aplicación das TIC nas empresas que está a piques de presentar en Vigo, concretamente o vindeiro 17 de decembro ás 12.30 horas no Auditorio do Edificio de Oficinas da Zona Franca. A obra, desenvolvida por Álvaro Gómez e Carlos Suárez, ten un título que indica ás claras para que xorde e a quen se dirixe: Sistemas de Información; Ferramentas Prácticas para a Xestión. O libro (que se distribuirá entre os asistentes ao acto) avalía ata que punto as compañías, sexan do sector que sexan, precisan das novas tecnoloxías do coñecemento, unha ferramenta fundamental para a competitividade e un soporte básico para a xestión.
A primeira edición da obra remóntase a cinco anos atrás, cando os responsables deste proxecto pensaron unicamente en directivos e xestores como público obxectivo. Pois ben, a Sociedade da Información finalmente impúxose como o que é, un espazo aberto á investigación, polo que se ampliou o punto de mira cara ao eido académico, incluíndose a obra “como texto de referencia en máis de universidades dos eidos americano e máis español”, sinala Ineo.
O libro que se vai presentar o día 17 en Vigo é polo tanto unha renovación da obra dada a coñecer hai un lustro, concretamente a terceira edición do libro orixinal, adaptado agora ás constantes actualizacións que imprime a evolución da era do coñecemento e incluíndo capítulos totalmente novos e maior pulo nos aspectos organizativos fronte aos puramente tecnolóxicos. Asemade, o libro incorpora varios anexos con todo tipo de ferramentas prácticas (guías, enquisas) para afondar no proceso de adaptación das TIC á xestión corporativa e nos métodos para tirarlles partido.
Tal como dixemos, os autores do informe son Álvaro Gómez Vieites (doutor en Economía pola UNED e enxeñeiro de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo) e Carlos Suárez Rey (doutor enxeñeiro de Telecomunicacións pola Universidade Politécnica de Madrid e executive MBA e PAD pola Escola de Negocios Caixanova).
