IBM e Betfair achegan en Santiago o seu punto de vista sobre a práctica do lobbying

venres, 20 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

A nosa terra acolle estes días unha nova actividade de debate dirixida a pór de relevo os segredos dunha profesión en proceso de medre que está a pasar desapercibida para boa parte da sociedade: a profesión de lobbista. Ou sexa, de persoas que se dedican a pór en marcha todo tipo de actividades para defender ante os poderes os intereses dunha empresa ou iniciativa privada, ou viceversa. A cita é na Universidade de Santiago e desenvólvese baixo o seguinte epígrafe: O traballo invisible dos lobbistas: unha profesión en alza. O evento, malia non ter relación directa coas TIC, si que contará con representantes do sector, como por exemplo Esteban Egea, responsábel de RRII de IBM España.
O seminario, que vén da man de Com-Unica, dá acubillo ademais á presenza dun importante número de representantes do tecido económico e das nosas institucións públicas, amais de expertos centrados no estudo do lobbying e as relacións institucionais dende diferentes puntos de vista. A apertura da xornada corre a cargo de Xosé Pereira, reitor da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, sede da actividade. A primeira quenda (este venres 20 de abril) conta coa presenza de Berta García (profesora de Comunicación da Universidade) ou José Castro, vicepresidente da Asociación Galega de Xornalistas, entre outros moitos relatores, incluído o devandito Esteban Egea, de IBM, que falará do lobbying na empresa global. A xornada deste sábado 21, máis técnica e práctica, contará (entre outros) coa presenza de Esther Martín-Ortega, responsábel de Relacións Institucionais de Betfair (empresa de xogo no eido dixital) en España, que falará sobre a situación do xogo en liña no eido estatal.

PUBLICIDADE