Huawei presenta un novo smartphone encartable

venres, 29 de abril do 2022 Marcus Fernández

Pese a que os móbiles de Huawei en Europa perderon toda a relevancia ao carecer dos servizos de Google, en China continúan a ter certo peso, de aí que a compañía se animase a sacar un novo móbil con pantalla encartable, o Huawei Mate XS 2, que presume dun novo sistema de refrixeración e dun deseño máis refinado, aínda que adoece dunha importante eiva: por culpa das sancións impostas polos EE.UU. o seu procesador é un Qualcomm Snapdragon 888 4G, ou sexa, que carece de conectividade 5G, algo inaceptable para un móbil de alta gama.
Se obviamos a ausencia de 5G e que funciona con HarmonyOS, estamos ante un dispositivo moi completo, que presenta encartado unha pantalla de 6,5 polgadas que, ao abrirse ten 7,8 polgadas cunha resolución de 2.840 x 2.200 píxeles e unha velocidade de refresco de 120 Hz e con paneis OLED, polo que o produto conquista ao usuario por estas pantallas.
O Huawei Mate XS 2 está equipado con 8/12 GB de RAM, 256/512 GB de almacenamento interno, cámara frontal de 10, 1 Mpíxeles, cámara traseira tripla (cun sensor principal de 50 Mpíxeles, un ultra grande angular de 13 Mpíxeles e un teleobxectivo 3x de 8 Mpíxeles), batería de 4.600/4.880 mAh con carga rápida de 66 watts, Bluetooth 5.2, Wi-Fi tribanda e uns prezos que parten dos 9.999 iuans (1.435 euros) para o modelo de 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento e chegna até os 12.999 iuans (1.865 euros) para o modelo con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento interno. Polo momento descoñécese cando chegará oficialmente a Europa.

PUBLICIDADE