Hoxe nace un novo medio galego: Sermos Galiza

xoves, 26 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

A versión dixital de Sermos Galiza bota a andar hoxe

Sermos Galiza xa é unha realidade. O novo medio dixital galego, de cuxo proceso de materialización fomos dando conta, comezou a camiñar na Rede, de xeito oficial a partir das 8.00 horas. Sermos Galiza complementarase cun semanario en papel, que sairá do prelo o vindeiro 17, coincidindo coa festa das nosas Letras. Sermos Galiza únese á nova vaga de medios en galego que está a enriquecer este ano a nosa Rede, todos (Dioivo ou Praza Pública) facendo galega dun espírito común de independencia e compromiso coa nosa cultura e identidade.
Segundo fixeron saber os responsables do novo medio nun comunicado, a súa aposta é unha aposta de claridade a tódolos niveis: de deseño (doada lectura, sinxeleza na achega e distribución de seccións, textos e recursos) e de contidos. A liña editorial abranguerá información social, económica e política, e prestaráselle unha especial atención a un dos eidos que, polas razóns que sexan, máis se adoitan a descoidar: o eido internacional. Nesta liña, a idea é darlle a máxima visibilidade ao noso lugar no mundo en relación aos países irmáns: os do ámbito da lusofonía.
Entre os contidos especiais que prevé o xornal áchanse un apartado sobre recuperación da memoria histórica, un arquivo fotográfico do nacionalismo e unha sección de información sobre programación e produción cultural infantil. A redacción fixo saber que nos meses vindeiros someterase a edición dixital a unha serie de cambios no camiño de ir incluíndo no seu seo novas seccións e recursos. Detrás de Sermos Galiza atópase un grupo promotor de catorce persoas de diferentes ámbitos sociais e culturais. Froito do seu esforzo e compromiso é o Grupo de Comunicación Sermos Galiza, proxecto que parte coa vontade de se converter en referente da información en galego.