Hillcrest acusa a Nintendo de terse inspirado (de máis) nos seus deseños para o mando da Wii

venres, 22 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

Malia que hai unha tendencia a pensar que as patentes de propiedade industrial só se infrinxen nas empresas medianas ou pequenas, cada pouco tempo abrollan no eido dos medios en Internet informacións que apuntan directamente ao contrario e que sitúan ás grandes majors como causantes dos meirandes ataques contra o que crean e deseñan os demais, probablemente con máis esforzos. Disto, de supostos plaxios e doutros asuntos, é do que trata a acusación que a empresa dos Estados Unidos Hillcrest Laboratories acaba de presentar perante a Comisión Internacional de Comercio e na que sinala a que ao seu xuízo é unha clara infracción de ata catro das súas patentes, e non precisamente dende unha firma máis ou menos legal especializada en imitacións de pouca monta.
Non, a cousa, de ser finalmente certa, é un pouco máis grave, porque querería dicir que o mando sen fíos da Wii que moitos de nós temos decote entre mans podería ser (parcialmente) unha apropiación de ideas por parte da xaponesa Nintendo á devandita Hillcrest.
Segundo conta Reuters e se fan eco ADN e Milenio, esta compañía, sita en Maryland, estaría especializada en deseñar aparellos con sensores de movemento encamiñados a permitirlles aos usuarios mover obxectos nunha pantalla mediante o propio movemento do dispositivo manual. Ao parecer da empresa, Nintendo debería pagar por ter feito uso deste deseño. Hillcrest engade máis declaracións ao respecto: “Aínda que respectamos moito a Nintendo e á Wii, cremos que a empresa vén de violar claramente as nosas patentes, por iso se tomas estas medidas de protección dos dereitos de propiedade intelectual”. A casa xaponesa, pola contra, aínda non se pronunciou sobre esta cuestión.