Hewlett Packard habilitará un centro de innovación en Big Data na Cidade da Cultura
venres, 1 de xullo do 2016

- Os participantes na sinatura do acordo entre a Xunta e HPE, este 1 de xullo na Cidade da Cultura/ Imaxe de Xoán Crespo
Hewlett Packard
Entrerprise (HPE) confirmou hoxe na Cidade da Cultura que a súa
aposta pola nosa terra é firme e vai para longo. A
culminación desta aposta materializarase na vindeira entrada en
funcionamento do Centro de Excelencia en
Intelixencia de Negocio (CEIN), presentado este venres 1 de
xullo no Gaiás, da man de dous dos principais responsables de
HPE en España e Portugal (José María de la Torre e Antonio
Torrado, ambos galegos) e dos representantes das institucións da
Xunta máis directamente implicadas no acordo de colaboración coa
multinacional TIC: a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de
Galicia (AMTEGA) e a Consellería de Cultura e Educación. O acto de
presentación do CEIN, que serviu para formalizar o acordo entre as
ditas entidades da Xunta e a compañía informática, foi clausurado
por Alberto Núñez Feijóo, quen agradeceu aos dous devanditos
directivos de HPE os esforzos despregados por trasladar a Galicia un
dos seus piares de actividade básicos, situando Santiago e a nosa
terra como parte fundamental da súa investigación en análise e
tratamento de Big Data (datos masivos). De feito, a
transferencia e o desenvolvemento de recursos para a información
inxente será un dos alicerces do CEIN.
Feijóo comezou a súa
intervención lembrando aos presentes a importancia do que se coñece
como Big Data e os sistemas desenvolvidos para tirarlle
proveito. Segundo fixo saber, trátase dun ámbito de traballo con
incalculables posibilidades, para as empresas, para as
administracións, para as entidades públicas e para toda a
cidadanía. Nesta liña, salientou, o centro presentado este venres 1
de xullo no Gaiás é unha maneira de blindar, asegurar e impulsar
estas oportunidades de investigación e innovación. “Aquí”,
dixo, traballarán cincuenta expertos asesorando a clientes nacionais
e internacionais en materia de datos masivos”. Con esta iniciativa,
lembrou, refórzase o carácter da Cidade da Cultura de Santiago como
“corazón dixital de Galicia”. Feijóo tamén salientou o
compromiso de HPE coa consecución deste centro CEIN e, tamén, co
talento e a capacidade de innovación dos nosos estudantes e
investigadores novos (o acordo contempla un programa de asesoramento
a titulados universitarios). “Contar con esta importante presenza
de HPE en Galicia é contar cunha garantía de excelencia”,
engadiu, dirixíndose aos directivos galegos da compañía que, cos
seus esforzos, acadaron que a multinacional se involucrase aínda
máis firmemente co territorio galego.
O
titular do Goberno galego presentou o acordo con HP como un dos
resultados do Pacto Dixital de Galicia, “grazas ao que 13 empresas
do sector están a colaborar coa Administración autonómica para
situar a Comunidade como un referente tecnolóxico na atracción de
investimentos, o desenvolvemento de proxectos con potencial tractor e
a internacionalización das PEME”. Ao fío disto, lembrou que
Galicia xa é a quinta autonomía en número de empresas
tecnolóxicas, con 2.200 compañías e 14.400 traballadores. Respecto
do dito Pacto, anunciou a posta en marcha, xunto coa operadora
Vodafone, dun novo centro para impulsar a innovación social dixital.
Este novo centro engadiríase aos acubillos de impulso dixital cos
que xa conta o Gaiás, como por exemplo o centro de crowdworking
posto en marcha en colaboración con Telefónica, Galicia Open
Future.
HPE a prol do Big Data
No
acto participaron tamén, como dixemos, o presidente de Hewlett
Packard en España e Portugal, José María de la Torre, e máis o
director Big Data e Analytics de HPE en España e Portugal, Antonio
Torrado. Ambos os dous comezaron en remataron a súa intervención en
galego (o primeiro ten raizames en Santiago e o segundo é natural de
Porto do Son), salientando desta maneira a súa estreita relación
coa súa terra orixe e, tamén, o seu pleno convencemento nas
posibilidades de Galicia en múltiples ámbitos da innovación e o
coñecemento, empresariais, públicos, académicos e investigadores.
De feito, un dos puntos do acordo que destacou José María de
la Torre tivo que ver coa oportunidade de colaboración que se vai
abrir coa Universidade de Santiago en materia de asesoramento a
titulados e xeración de talento. “O CEIN”, explicou de la Torre,
“dará servizo dende Santiago a España e Portugal e será un
referente no ámbito da transferencia e a transformación
tecnolóxica”. Pola súa parte, Antonio Torrado enfiou boa parte da
súa intervención arredor da importancia do Big Data e do
papel que desprega hoxe a información. De feito, lembrou que nos
últimos dous anos estamos a ser testemuñas “dunha paisaxe de
información extrema”, con grandes cantidades de coñecemento que
fan empequenecer todo o xerado ata o de agora. Isto, sinalou, xera
unha oportunidade e unha limitación. A “limitación” refírese a
que as empresas do noso tempo só tiran proveito do 1% dos datos dos
que poden dispor. A “oportunidade”, pola contra, consiste en que
deste coñecemento total a cuarta parte pode ser de gran utilidade
para as empresas. “O que vimos a presentar hoxe na nosa terra”,
explicou, “é un punto de inflexión nesta aposta de HP a prol das
ferramentas que consigan un meirande e máis eficaz aproveitamento
desta información inxente”.
