HP renova os seus portátiles económicos orientados á nube

xoves, 11 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Para facerse un oco entre os portátiles económicos con Windows, HP leva un par de anos coa súa familia HP Stream, e para poder conservar esta posición entre os equipos dirixido para o mercado doméstico renovan esta gama de produtos, de xeito que renovan o modelo normal con pantalla de 11,6 polgadas e a súa versión táctil (HP Stream x360) e estrean un formato que podería ter bastante éxito, por contar cunha xenerosa pantalla de 14 polgadas.
HP quere manter a esencia desta gama de portátiles, que atenden ás demandas actuais na que os usuarios non piden potentes procesadores e grandes capacidades de almacenamento, xa que traballan principalmente con servizos na nube, polo que dan prioridade a factores como a transportabilidade, a autonomía, a calidade do seu Wi-Fi e o seu prezo axustado, de xeito que serían ordenadores ideais para usar Facebook, ver contidos en Netflix e utilizar aplicacións de ofimática pero, ao estar ante sistemas con Windows, podería empregar as súas versións de escritorio, e non conformarse con versións web aínda inferiores (que é a estratexia de Google cos seus Chromebooks). De feito, os equipos inclúen 1 ano da edición persoal de Office 365, incluíndo así tamén 1 TB de almacenamento na nube, o que resulta moi axeitado para este tipo de equipos.
Os novos HP Stream integran antenas duais Wi-Fi AC con MIMO 2x2, conseguido conexións sen fíos moi rápidas e con mellor calidade de recepción, incluíndo tamén portos USB 3.0 para axilizar as conexións físicas.
De cara ao sector da educación tamén sacarán un HP Stream 11 Pro con pantalla de 11,6 polgadas, con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, que comezarán a comercializar a finais de setembro nalgúns mercados. Os modelos para o mercado doméstico confórmanse cunha configuración con 32 GB de almacenamento interno SSD, que favorece un inicio rápido do sistema e resulta suficiente para usos realmente orientados á nube.
O 24 de agosto porase á venda o HP Stream 11 a 199 dólares, mentres que o HP Stream x360 custará 249 dólares (un prezo magnífico para un portátil con pantalla táctil), aínda que o equipo realmente interesante sería o novo HP Stream 14, que sairía á venda o 7 de setembro cun prezo que parte de 219 dólares, o que parece toda unha ganga para un ordenador con 4 GB de RAM, 32 GB de SSD, pantalla de 14 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles e un procesador Celeron de nova xeración que permitiría que a autonomía do equipo puidese chegar até as 10 horas e 45 minutos.

PUBLICIDADE