HP anuncia un smartphone que pode funcionar como ordenador portátil e de sobremesa

luns, 22 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

A aposta de Microsoft para levar os seus smartphones ao escritorio informático valéndose da funcionalidade Continuum de Windows 10 chegou como a prestación estrela dos smartphones Lumia 950 e 950 XL, pero durante o Mobile World Congress HP parece ter elevado aínda máis a aposta, xa que o smartphone HP Elite x3 parece ter mellorado aínda máis esa proposta, vendendo bastante ben o feito de que o novo terminal permite levar a potencia dun ordenador na palma da man grazas ao seu procesador Qualcomm Snapdragon 820.
HP considera que o Elte x3 é “o único dispositivo coas vantaxes de todos os demais” por xuntar a potencia e a produtividade dun ordenador, a portabilidade dunha tableta e a conectividade dun smartphone nun trebello compacto e seguro que pode conectarse a un monitor e teclado cando sexa preciso traballar ao grande.
Este novo smartphone pensado para a empresa goza de grande potencial, boas cámaras de 16 e 8 Mpíxeles, son de luxo grazas aos seus altofalantes frontais Bang & Olufsen, dobre SIM e, como grande diferenciación dos produtos da familia Lumia, aparte de poder conectase a unha pantalla e un teclado mediante unha base de expansión, tamén contará con accesorio chamado HP Mobile Extender, que vén a ser unha pantalla de 12,5 polgadas e un teclado que permiten facer un uso áxil e portátil de Continuum, de xeito que teriamos smartphone que funciona como portátil e como equipo de escritorio, mantendo sempre a información no seu interior para tranquilidade dos usuarios corporativos.
Este atractivo terminal chegará ao mercado no verán, aínda que non darán detalles sobre o prezo do teléfono e os seus accesorios até que se aproxime a data de lanzamento do produto.

O HP Mobile Extender permite usar o smartphone como se fose un ordenador portátil
O HP Elite x3 pode conectarse a unha pantalla externa mediante unha base expansión

Vídeo promocional do HP Elite x3

PUBLICIDADE