Guifi.net leva Internet a prezos moi económicos ás aldeas do Courel

venres, 15 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

Dende SOS Courel informan esta semana dunha innovadora iniciativa aplicada no seo mesmo da dita comarca luguesa (unha das máis esquecidas da nosa terra en materia de servizos que faciliten o acceso á Sociedade da Información), para favorecer o acceso e uso cotián das redes. A iniciativa en cuestión, cualificada de “milagre” dende o dito blog, vén da man da comunidade Guifi.net e, como o seu nome indica (a través dunha simplificación moi axeitada, do termo Wi-Fi), trátase de apostar pola tecnoloxía sen fíos para facer o máis doado (e barato) posíbel o afianzamento das redes no Courel, concretamente nas aldeas de Teixeira (Courel) e Praducelo (Louzara, Samos).
Esta iniciativa foi posta hai case un ano e achega prezos difíciles de crer a estas alturas, e con tódolos servizos básicos disparando o seu custe: 40 euros ao ano por cada veciña/veciño. A medida vén da man da Asociación Valongo de Luzara, que, segundo indica o propio colectivo, non está a atopar moito apoio entre os concellos e institucións da contorna, “malia todas as vantaxes que pon en xogo”. Onde si que se recibiu a iniciativa cos brazos abertos foi nas ditas aldeas de Teixeira e Praducelo: en Teixeira a Asociación Buraca das Grellas, solicitou a colaboración da xente de Valongo e acadou unha pequena axuda da Deputación para os materiais de transporte da sinal. A continuación foi a quenda de Praducelo, que se uniu ao proxecto de Teixeira.
Con todo, hai máis núcleos galegos de poboación da contorna que se adheriron ao proxecto, como por exemplo Loseiro (Sarria), da man da Asociación Cultural Os Gorriós, onde os veciños teñen acceso de alta velocidade por cinco euros ao mes.

PUBLICIDADE