Gradiant desenvolve un sistema para mellorar o tráfico de Vigo

venres, 30 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

As combinacións entre novas tecnoloxías e cuestións relativas á condución semellan infinitas, aínda que, de quedármonos con algunhas, cómpre salientar o valor daquelas que lonxe de darnos azos para correr e contaminar máis, buscan unhas condicións de tráfico máis limpas, eficaces e silandeiras. A medida anunciada estes días polo centro galego de Gradiant e reflectida por medios como Xornal.com semella ir precisamente nesta liña de facer a circulación urbana na estrada algo máis normal.
Segundo se conta, a iniciativa consiste nun proxecto piloto para acadar datos exactos e inmediatos dos tempos de percorrido duns puntos a outros dunha cidade, neste caso Vigo, tirándose o máximo partido duns elementos de comunicación presentes en boa parte dos coches e cos que se cadra non contabamos para este tipo de funcións: os dispositivos bluetooth.
O proxecto, froito dun traballo conxunto entre Gradiant (que achega a investigación en si mesma e a tecnoloxía) e o Concello de Vigo, vai directo a mellorara circulación de vehículos en cidades de certa envergadura. Entre outras cousas, supón a achega de cinco sensores bluetooth para outros tantos puntos da cidade: Avenida de Madrid, Praza de España, Gran Vía, Urzaiz e Avenida de Castelao. O sistema garantirá a privacidade dos aparellos particulares de cada condutor e, ademais, non terán consecuencias no proceso de multas. A iniciativa non terá custe algún para o Concello.

PUBLICIDADE