Gigabyte presenta en San Francisco bare-bones compactos e potentes

venres, 13 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que os equipos informáticos de pequeno tamaño tenden a ter unha potencia reducida, algún fabricante esfórzase en conseguir combinar un tamaño compacto coa capacidade suficiente para gozar dos xogos de última fornada, como Gigabye, que co seu BRIX pocket está a conseguir superar tal reto segundo contan os reporteiros de Engadget dende o Intel Developer Forum (IDF).
Na feira de San Francisco temos que Gigabyte amosou ao público o seu pequeno equipo que integra HDMI, Ethernet, 4 portos USB, Bluetooth 4.0, porto Mini Display, Wi-Fi e toma de auriculares, así como a última xeración de procesadores de Intel, conseguindo que nunha caixiña que pode lembrarnos a una GameCube de Nintendo poida correrse un xogo como Grid 2 a Full HD grazas á integración dunha gráfica Iris Pro en placa (que aínda que non consiga o rendemento das gráficas dedicadas que estamos habituados a utilizar, cómpre coa súa función).
Claramente non estamos ante un equipo pensado en funcionar como ordenador de escritorio, senón que busca gañarse un sitio no noso salón como sistema de videoxogos e reprodutor multimedia, e comercializarase antes do Nadal con memoria, disco duro SATA de 2,5 polgadas, sistema operativo e mando por un prezo que podería estar preto dos 500 euros, polo que pode ser unha boa opción para quen non queira atarse ás restricións que supón unha consola de videoxogos doméstica, pero queira igualmente poder gozar de grandes xogos no televisor do salón.

PUBLICIDADE