Fotógrafos de toda España enchen de imaxes a Rede en homenaxe a Rodríguez de la Fuente

martes, 8 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Moucho real fotografado por Miguel Montoro

O 30 aniversario da morte de Félix Rodríguez de la Fuente segue a ter repercusión na Rede, tanto para abrir vieiros indirectos de loita polo medio natural como para pór de manifesto o seu legado. De abranguer estas dúas posibilidades é do que trataron os 72 encontros fotográficos que a Fundación que leva o nome do naturalista español organizou os días pasados en colaboración coa plataforma en liña Biodiversidade Virtual. A idea destas xuntanzas, das que catro se centraron na nosa xeografía (en Gondomar, nas Marismas da Xunqueira, no Camiño de Santiago ao seu paso por Melide, e no río Mero) foi a de obter a máxima participación de fotógrafos-internautas para acadar a liña das 5.000 especies rexistradas. O obxectivo foi duplo: por unha banda realizar unha homenaxe a Rodríguez de la Fuente (tratábase da semana Félix) e pola outra pór de manifesto a necesidade de coidar o noso medio natural.
Segundo informa a organización, entre o 30 de maio e o 6 de xuño (prazo habilitado para os ditos encontros), participaron máis de 2.500 persoas de toda España.
Por certo que para quen queira pór o seu gran de area, aínda que xa non de xeito presencial, a iniciativa semella que segue aberta, podéndose subir á devandita plataforma en liña todo tipo de imaxes de aves, artrópodos, plantas, peixes, fungos, liques ou mamíferos. Logo de subilas, informan os organizadores do proxecto, serán clasificadas para formar parte dun catálogo en liña que abranga o máximo posible da biodiversidade estatal, un catálogo que hoxe en día conta con máis de 185.000 imaxes.
Segundo as previsións dos promotores da escolma (que premiarán as 15 mellores fotografías, unha por cada galería), en dous meses chegarase a unha recompilación de 25.000 rexistros de 5.000 especies distintas, “o que supón un éxito sen precedentes”, informan.