Firefox chega á tenda de aplicacións de Windows

mércores, 10 de novembro do 2021 Marcus Fernández

A tenda de aplicacións de Windows 10 e Windows 11 quere servir para distribuír a meirande parte do software do mercado, incluíndo o de moitas das empresas que compiten directamente con Microsoft, e van en bo camiño para conseguilo, como demostra o feito de que Mozilla estea a estrear o seu navegador web Firefox na tenda de Windows. Deste xeito, os usuarios de Windows 10/11 poden recibir as actualizacións deste navegador web alternativo ao Microsoft Edge directamente dende os servidores de Microsoft.
Dende Mozilla ven con bos ollos que Microsoft mudase as políticas das súa tenda de aplicacións para permitir navegadores con motores diferentes ao de Edge, facilitando así que os usuarios poidan localizar e instalar o seu navegador web dun xeito doado e máis natural que ter que localizar unha páxina web, descargar un executable e instalar unha aplicación recibindo unha alerta de seguridade para confirmar a operación.
Actualmente Microsoft ofrece un bo navegador web, baseado no mesmo motor que Google Chrome, pero iso non quere dicir que non haxa incentivos para empregar Firefox, como pode ser a súa forte protección da privacidade, a súa velocidade ou incluso as súas posibilidade de reprodución de varios vídeos en fiestras flotantes (o que resulta moi práctico para seguir retransmisións en directo mentres se fai outra cousa no equipo informático).

PUBLICIDADE