Fíltranse numerosas fotografías íntimas de celebridades supostamente roubadas de iCloud

luns, 1 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Jennifer Lawrence foi a actriz máis prexudicada pola filtración

A pasada tarde montouse un sonoro rebumbio na Internet por mor da filtración de moreas de fotografías de celebridades norteamericanas que parecían proceder dos seus teléfonos móbiles entre as que destacaba unha completa galería de imaxes da actriz Jennifer Lawrence (Los Juegos del Hambre, X-Men: Primera Generación e La Gran Estafa Americana) nas que aparecía espida ou en poses suxestivas, das que a propia actriz confirmou a súa autenticidade. As instantáneas espalláronse principalmente dende o foro 4chan, conseguindo grande repercusión en Reddit e Twitter, o que fixo que en poucas horas a súa distribución fose masiva a nivel mundial, de xeito que resulta imposible evitar a súa divulgación, aínda que están a tomarse medidas contra algúns usuarios que contribúen á distribución das mesmas (como a cancelación de certas contas de usuario en Twitter).

Constatan que as fotografías de Victoria Justice serían fakes

As fotografías filtradas corresponderían principalmente á citada Jennfer Lawrence, xunto a outras celebridades como Kate Upton, Ariana Grande, Victoria Justice, Kirsten Dunst, Yvonne Strahovski e moitas outras, e coméntase que a fonte destas imaxes sería o servizo iCloud de Apple, ou sexa, que as persoas que conseguiron as fotografías probablemente estiveron a lanzar durante un longo período de tempo (Mary E. Winstead asegura que as imaxes que circulan dela teñen varios anos e borrounas hai tempo) ataques a numerosas contas de usuario do almacenamento na nube de Apple para poder acceder a copias de seguridade dos carretes fotográficos, conseguindo así instantáneas que deberían permanecer en círculos íntimos.
Tras unha primeira vaga de imaxes é posible que continuemos a ver fotografías filtradas de máis famosas como Candice Swanepoel, Hayden Pannettiere, Hillary Duff, Kayley Cuoco, Kate Bosworth, Kim Kardashian, Lizzy Caplan, Mary Kate Olsen, Rihanna, Scarlet Johansson, Selena Gomez, Vanessa Hudgends, Wynona Ryder... sendo preto dun cento as contas das que terían roubado fotografías, o que tamén ten un efecto perverso: moitas imaxes retocadas poderían facerse pasar por certas aproveitando as filtracións. De feito, a actriz e cantante Victoria Justice xa comentou en Twitter que non corresponde a ela o corpo das fotografías nas que sae espida, rechouchiando incluso unha proba do retoque na que vese que a cara dunha das falsificacións provén dunha anterior fotografía dela volteada horizontalmente.

Tamén se filtraron numerosas instantáneas da actriz Brie Larson

É posible que algunha das imaxes (e vídeos) roubados aparezan na Rede nas vindeiras horas, e a intención desta primeira difusión masiva de fotografías podería non ser outra que a venda do material que se están a reservar os autores da incursión nas contas de iCloud das celebridades.
O feito de que isto poida ocasionar problemas á xente famosa debería levar tamén aos usuarios particulares a ser conscientes de que, unha vez que gardamos os nosos datos na nube, hai que ser conscientes dos problemas de seguridade que iso pode reportar, e aínda que non se confirmase que as fotografías realmente saíron de iCloud (aínda que advirten de que, ata hai poucas horas, o servizo era vulnerable a ataques de forza bruta), cómpre lembrar aos usuarios que, aparte de empregar contrasinais complexos, tamén é posible activar a identificación en dous pasos para dificultar a vulneración da seguridade das nosas contas. Loxicamente tamén deben ter seguridade os dispositivos físicos que se empreguen, xa que de nada serve ter un bo contrasinal se logo pode accederse a toda a nosa información dende un smartphone ou tablet extraviado ou roubado, por carecer de medidas de bloqueo adicionais.